O BNG participa na reunión convocada pola ALE de cara as eleccións europeas de 2014

O Bloque participou en Barcelona na reunión convocada pola Alianza Libre Europea (ALE) á que asistiron as formacións nacionalistas do Estado español que forman parte deste partido europeo, co obxectivo de analizar as posibles alianzas de cara a conformación dunha fronte ampla para concorrer ás eleccións europeas que se celebrarán o 25 de maio de 2014.

A este encontro organizado pola ALE, -partido político europeo integrado por formacións nacionalistas de 13 Estados integrados na Unión Europea,- asistiron os responsables de política internacional do BNG, Ana Miranda, e de ERC, Aralar, Eusko Alkartasuna-EA, Bloc Nacionalistaa Valenciá-BNV, Chunta Aragonesista-CHA, PSM-Entesa Nacionalista das Illas Baleares e Nueva Canarias.

Con independencia destes encontros, o BNG mantén como prioridade a oferta realizada a Anova e a todas as forzas nacionalistas de esquerda de Galiza para conformar unha coalición unitaria galega de forzas nacionalistas de esquerda de cara ás europeas.

O Bloque mantén esa proposta desde o convencemento de que a unidade do nacionalismo galego é a mellor alternativa para acadar o dobre obxectivo de dar a Galiza unha “voz potente” no Parlamento Europeo para defender os intereses de país e, por outro lado, para construír outro modelo de Europea, alternativo ao que impón a Troika, os lobbies financeiros e a dereita política insolidaria e neoliberal.

Nun segundo paso, e tendo en conta que se trata dunha circunscrición electoral estatal, o BNG propón sumar forzas nunha gran coalición con forzas políticas homólogas doutras nacións do Estado español, nomeadamente Euskadi e Catalunya.