O BNG participa na interparlamentar "Paz no Sáhara" en apoio á causa saharauí

A deputada nacionalista Montse Prado representa o BNG na reunión da XVII Conferencia de Intergrupos Parlamentares "Paz no Sáhara", formada polos intergrupos que existen para tal fin en todos os Parlamentos autonómicos. Na xuntanza, que ten lugar en Sevilla, na sede do Parlamento de Andalucía, o BNG reitera o seu apoio ao pobo saharauí e a súa lexítima loita polo dereito de autodeterminación, pola súa liberdade, polo dereito a un futuro en paz. Precisamente, o BNG sumouse a unha declaración aprobada por unanimidade e que será trasladada polo intergrupo ao Parlamento de Galiza, co fin de que lograr o apoio da Cámara galega.

Montse Prado pon de manifesto que “o problema de descolonización non resolto no Sáhara, o enquistamento do conflito e a falta de solucións fai precisa a actuación, nomeadamente, en tres frontes: a política, a dos dereitos humanos e a da acción humanitaria”. Na mesma liña, a representante do BNG reivindica a restauración da legalidade internacional.

A deputada do BNG aproveitou a reunión da interparlamentar para trasladarlle á Delegación da Fronte Polisario, que estivo encabezada polo presidente do Parlamento saharauí, Jatri Aduh, o compromiso do BNG coa loita do seu pobo, “pois é a nosa mesma loita”, expresa.