O BNG participa na Diada confiado en que as urnas darán un apoio claro á soberanía de Catalunya
O BNG cualifica de singular a Diada 2015 por coincidir co inicio da campaña dos comicios cataláns do vindeiro 27 de setembro, nunha cita electoral á que as forzas independentistas dan carácter plebiscitario.
Tras participar nos actos oficiais de celebración, -como a habitual ofrenda floral ante o monumento de Rafael Casanova-, o portavoz nacional, Xavier Vence, amosou o apoio do Bloque ao proceso soberanista de Catalunya, e subliñou a importancia do resultado das urnas para avanzar nese proceso. Confiamos que as forzas independentistas teñan como resultado unha aposta clara do pobo catalán pola soberanía, salientou.
A formación nacionalista considera que, neste momento, Catalunya é a vangarda da loita dos pobos pola soberanía, da loita democrática dun pobo en marcha que quere coller o futuro nas súas mans e autogobernarse de forma plena, explicou Vence, quen deixou claro que a sociedade catalá non está disposta a aceptar as ameazadas do Estado.
O pobo de Catalunya non está disposto a aceptar o proceso de recentralización, nin a aceptar as ameazas dun Estado que non recoñece as nacións coas nosas culturas e as nosas linguas, advertía Vence.
Vence encabeza a delegación do BNG nos actos de celebración da Diada, nos que tamén participan o secretario de Organización, Bieito Lobeira, a secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, e o ex eurodeputado, Camilo Nogueira. Ademais das celebracións oficiais, o Bloque mantivo encontros cos cabezas das candidaturas independentistas Junts pel Sí, -Raül Romeva-, e da CUP, -Antonio Barros-, e esta tarde participa na manifestación convocada polo Asemblea Nacional Catalá por un nou País.
Na xornada de véspera, o BNG na emigración organizou un acto político e lúdico coa presenza dos principais referentes políticos e sociais do independentismo catalán, que contou coa participación de artistas como Mini e Mero e Ses.