O BNG participa na conferencia de solidariedade co pobo saharauí

Na conferencia debátense os efectos da ocupación marroquí e reivindícase unha solución democrática que recoñeza o dereito de autodeterminación no Sáhara Occidental.

Os asistentes coinciden en reclamar a intervención activa da comunidade internacional e do estado español, principal culpable de ter abandonado ao pobo saharauí aos intereses de Marrocos e Mauritania.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2014.- A parlamentaria do BNG Montse Prado Cores participa na 39ª Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharuí (EUCOCO, http://www.eucocomadrid.org/), que se está a celebrar na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, os días 14 e 15 de novembro.

A EUCOCO é a cita anual máis importante do movemento de solidariedade co pobo saharauí. Concibida inicialmente como unha reunión de ámbito europeo, xa acadou dimensión mundial e nela participan representantes de gobernos que recoñecen a Republica Árabe Saharauí Democrática (RASD), parlamentarios/as e cargos electos, organizacións políticas e sindicais, asociacións de amizade co pobo saharauí, ONG e profisionais que se destacan pola defensa da causa do pobo saharauí.

Denuncia dos abusos e reivindicación de implicación da comunidade internacional e do Estado español

Durante dous días, os asistentes á conferencia analizarán a situación política do Sáhara Occidental, darán conta das violacións dos dereitos humanos nos territorios ocupados, estudarán o espolio dos recursos naturais, a situación das mulleres e da mocidade baixo a ocupación marroquí. O encontro pecharase cunha manifestación de denuncia que celebrará en Madrid, o 16 de novembro, baixo o lema "Pola descolonización e a independencia, en defensa dos dereitos humanos".

Na primeira xornada da conferencia, lembrouse a necesidade de que a comunidade internacional e, en particular, o Estado español, teñen que actuar para forzar ao estado marroquí a que respecte os dereitos humanos e acceda á celebración do referendo. En numerosas intervencións lembrouse a especial responsabilidade do goberno español, que orixinou o problema ao abandonar o Sáhara Occidental en maos marroquís e mauritanas hai xa case corenta anos, impedindo que os e as saharauís accedesen á independencia.

Traballo no grupo interparlamentar

Montse Prado asiste á conferencia integrada no Intergrupo Parlamentar de apoio ás reivindicacións do pobo saharauí, do que o BNG forma parte. A través do intergrupo, o BNG ten reclamado a inmediata liberación dos presos políticos por parte do goberno marroquí, o fin do espolio dos recursos naturais no Sáhara Occidental, o desmantelamento do “muro da vergoña” e o respecto do alto o fogo. Así mesmo, fixo tense denunciado a desaparición das mulleres nos territorios ocupados e instouse ao conxunto de institucións públicas do Estado español a continuar co apoio solidario e humanitario.

No mes de febreiro de 2014, o grupo interparlamentar visitou o Sáhara Occidental para coñecer de primeira man a situación do pobo sahara

uí e esixir a renovación do mandato da MINURSO, a Misión das Nacións Unidadas para o Referendo no Sáhara Occidental, para que vele pola celebración dun referendo de autodeterminación no territorio e mais que se amplien as súas competencias para que vele polo respecto dos dereitos humanos que o goberno marroquí viola sistematicamente.

O BNG defende que a descolonización do Sáhara é un problema enquistado, no que o Estado español ten unha parte importante de responsabilidade, e que para resolverse precisa de esforzos políticos, pero tamén de atención humanitaria e de vixilancia e denuncia dos organismos internacionais perante a conculcación dos 

dereitos humanos que padecen os saharauis. A través dos seus representantes na conferencia, o BNG aproveitará a ocasión para transmitirlle aos representantes do pobo saharaui o apoio da fronte nacionalista á súa lexítima loita polo dereito de autodeterminación, pola súa liberdade e polo dereito a un futuro en paz.