BNG parabeniza a Galiza Nova por vinte anos de reivindicación das figuras de Rosalía e Castelao

Galiza Nova presentou o acto de homenaxe a Rosalía e Castelao que celebra na véspera do Día da Patria de xeito interrompido desde fai vinte anos, con intervencións políticas, musicais e que conclúe cunha ofrenda floral no Panteón dos Galego Ilustres.

Na presentación, o secretario xeral das xuventudes do Bloque, Alberte Mera, reivindicou a vixencia do seu discurso “porque denunciaban a dependencia de Galiza que impedía aproveitar os nosos recursos produtivos para xerar riqueza e emprego, deixando como saía a emigración, na época de Rosalía e na actualidade”.

“Por iso o seu pensamento segue vixente, e senón que llo pregunten aos máis de 100.000 mozos e mozas que emigraron desde que Feijóo chegou á Xunta”, explicou o Mera, quen subliñou que Rosalía e Castelao seguen a ser “símbolos para toda a mocidade na loita polos dereitos nacionais”.

O BNG parabeniza a Galiza Nova por vinte anos de “popularización” das figuras de Castelao e Rosalía. “É curioso que á mocidade deste país se lle prive de coñecer sen complexos o inmenso legado que nos deixaron”, denunciou o secretario de Organización, Bieito Lobeira, na presentación deste acto que completa a axenda de celebracións do Día da Patria, que este ano se conmemora cunha manifestación unitaria á que se suma a formación nacionalista.

Loberia subliñou que o Bloque adhírese a esta manifestación de unidade e confía sexa “unha gran demostración da vitalidade do pobo galego na defensa dos seus dereitos colectivos, o dereito a existir como suxeito político e a ter un papel protagonista no debate aberto do Estado español en relación cos dereitos dos pobos”.

Galiza é o país máis avellentado de Europa, mesmo con risco de despoboamento, e ten taxas “inadmisibles” de desemprego xuvenil. Neste contexto, a vía real para superar esta situación é “abrir unha vía propia, galega, democrática, popular e nacionalista”, subliñou Lobeira, quen fixo fincapé nas potencialidades e na capacidade produtiva de Galiza.

Neste sentido, confía que o 25 de Xullo sexa tamén unha demostración de que “o pobo galego existe, que ten dereitos e sabe exercelos” no marco desa manifestación unitaria, que o Bloque considera “un paso moi importante para articular unha estratexia propia, sen submisión a ningunha estrutura partidaria española ou allea a nós”.

Fianza de mil euros

En canto aos detalles do acto, Mera salientou a participación dos grupos Loaira e Poetarras na celebración no Parque de Santo Domingo de Bonaval para, ademais das intervencións políticas, “homenaxear con humor, música, arte e cultura” ás figuras “patrióticas” de Rosalía e Castelao.

O responsable de Galiza Nova lamentou a falta de cooperación por parte do Concello de Santiago que, nunha decisión sen precedentes, obriga a organización xuvenil a depositar unha fianza de mil euros para poder celebrar o acto. “Mil euros de fianza para unha asociación xuvenil como Galiza Nova é difícil de afrontar, e falamos dun acto dunha hora nun espazo público feito pola mocidade e nunca tivemos taxa algunha de fianza”, lamenta Mera.