BNG parabeniza aos mariscadores da Ría do Burgo pola loita que acadou a dragaxe e a concesión de compensacións mentres duren as obras
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a deputada no Parlamento Galego, Mercedes Queixas, e o portavoz municipal do Bloque na Coruña, Francisco Jorquera, trasladaron ás mariscadores e mariscadoras da Ría do Burgo a satisfacción do Bloque por que a súa loita desde hai 14 anos dea os seus froitos: a ría vai ser dragada e o colectivo vai cobrar as compensacións polo paro da súa actividade mentres duren as obras. “É un exemplo de loita ambiental e económica para outros casos de rías que aínda non están saneadas”, destacou Ana Miranda.
“Pasaron xa máis de dez anos desde que unha delegación do Parlamento Europeo visitou a Ría do Burgo para comprobar o seu grao de contaminación e por fin hoxe podemos dicir que esa visita dá os seus froitos grazas a loita continuada do colectivo”, salientou a portavoz do BNG en Europa durante o encontro que mantiveron na sede da Confraría de Pescadores da Coruña, no que tamén fixo referencia á denuncia aberta na Comisión de Peticións presentada pola Confraría da Coruña en 2012 tras esa misión de investigación e agradeceu o traballo desenvolvido pola deputada letoa do grupo Verdes – ALE Tatjana Zdanoka, “fundamental nesta loita para que a Comisión Europea investigara a contaminación e seguira o caso aberto no Parlamento Europeo”.
Ana Miranda recordou que hai ano e medio a administración española e a administración galega aínda non tramitaran os fondos para a dragaxe e “a nosa presión serviu para que axilizaran e se puxera en marcha un proxecto de rexeneración”. A dragaxe, -adxudicada por 32,23 millóns á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Acciona Construcción e Matías Arrom Bibiloni-, afecta a 78 mariscadores e mariscadoras que terán que paralizar a súa actividade mentres duran as obras, aproximadamente 26 meses. “Esta rexeneración da non só é fundamental para a volta á actividade extractiva dos 78 mariscadores e mariscadoras actuais, senón para recuperar o número de traballadores e traballadoras que realicen a actividade pesqueira e marisqueira, xa que hai anos chegaban aos 2.600”, salientaron as nacionalistas.
Traballo colectivo
A deputada Mercedes Queixas, pola súa banda, ademais de incidir no traballo conxunto do Bloque cos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo salientou a relevancia do “acordo imprescindible” acadado esta semana na Comisión de Pesca do Parlamento Galego,-impulsado polo BNG-, entre o goberno da Xunta e o goberno do Estado. “Os mariscadores e mariscadoras necesitaban a certeza e seguridade de ter unhas compensacións económicas que suplanten a imposibilidade de poder continuar traballando por unha obra de dragaxe que é absolutamente necesaria”, manifestou, ao tempo que resaltou que é un día de “tremenda satisfacción polo logro colectivo acadado”.
“Hoxe tivemos unha reunión para festexar que despois de tanto tempo de loita a última asignatura pendente que quedaba para facer realidade a rexeneración da Ría do Burgo se desbloquease e como é xusto os mariscadores vaian acceder ás compensacións”, destacou Francisco Jorquera na súa intervención, quen ademais de felicitar a todo colectivo sinalou que “a loita, aínda que sexa longa, acaba dando os seus froitos”. Neste sentido lembrou que no ano 2008 o BNG acadou nos Orzamentos Xerais do Estado que por primeira vez houbese unha consignación orzamentaria para rexenerar a Ría do Burgo e estivese na axenda do Estado”, ao que hai que sumar o “traballo incansable” de Ana Miranda no Parlamento Europeo, así como de outros deputados no Congreso e Mercedes Queixas no Parlamento Galego. “A Ría do Burgo ten un potencial enorme unha vez rexenerada”, concluíu.
Desde a Confraría de Pescadores da Coruña agradeceron o traballo desenvolvido polo BNG nas distintas administracións, desde o Concello da Coruña e resto de localidades afectadas aos tres parlamentos nos que o Bloque desenvolve o seu traballo, o galego, o estatal e o europeo. Asemade agradeceron a Ana Miranda a posibilidade de ir á Eurocámara e comparecer para dar a coñecer a grave situación da ría e a perda continuada de postos de traballo.