O BNG opónse á reforma do Código Penal porque rebaixa algúns delitos de violencia de xénero

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defenderá mañá xoves, día 12 de decembro, no Pleno da Cámara a emenda á totalidade do BNG á reforma do Código Penal porque “é a reforma do Código Penal más regresiva da lexislación penal nas últimas décadas”.

A cadea perpetua revisábel

Davila critica especialmente a introdución da “cadea perpetua revisábel é dificilmente compatíbel coa reinserción e a reeducación estabelecida na propia Constitución. A resposta penitenciaria máis severa non asegura unha merma da delincuencia e a criminalidade”.

Lembra que xa desde o ano 2003 se reformou o Código Penal no camiño de orientalo a un sistema máis punitivo. “Máis, con ese marco punitivo non se produciu unha redución da poboación reclusa por delitos máis graves” e demanda políticas de prevención da delincuencia.

“Non podemos admitir que se restauren penas inhumanas como é a permanencia indefinida no cárcere. Ademáis a regulación que se propón nesta reforma para a prisión permanente revisábel, como puxeron de manifesto especialistas na materia e o Consello Xeral do Poder Xudicial, incumpre os principios de legalidade e seguridade das penas porque non fica nítidamente reflexado o contido da pena. Non se preservou a necesaria certidume xurídica”.

Rebaixas en violencia de xénero e conductas viais

Asemade, Davila é crítica co agravamento penal para determinados delitos mentras “despenaliza determinadas imprudencias que causan alarma social, imprudencias con resultado de lesións, que sobre todo suceden no ámbito da circulación vial. A súa despenalización implica non só unha desproteción das vítimas senón que ademáis a súa tipificación como conducta penal tiña resultados positivos”.

Olaia Fernández Davila recalca tamén a “volta atrás que supón o novo tratamento penal outorgado a determinados aspeitos da violencia de xénero ao eximirse de reproche penal as vexacións inxustas que en moitos casos son o inicio do maltrato”. Reprocha a deputada do BNG que se rebaixe á calificación de leve unha parte importante de delitos de violencia de xénero, co que o prazo de prescripción, persecución e denuncia deses delitos se reduce a un ano. Sen esquecer, subliña, que se abre a posibilidade de impór alternativamente multas económicas en delitos de violencia de xénero, unha resposta punitiva totalmente inadecuada neste tipo de delitos.

Para a deputada do BNG esta reforma do Código Penal “non dará máis seguranza e xustiza, senón que vai cara un modelo punitivo inspirado en concepcións puramente retributivas, que só teñen como resultado máis poboación reclusa