BNG obtén a unanimidade do Parlamento para a construción dun pavillón deportivo para o IES Ferrol Vello tal e como demanda a comunidade educativa
O BNG acadou o voto unánime do Parlamento para cumprir coas demandas da comunidade escolar do IES Ferrol Vello, sito en Ferrol, no barrio homónimo, que demanda un pavillón deportivo para o centro. A día de hoxe o seu alumnado ten que realizar as aulas de Educación Física noutro espazo que implica soportar demoras de vinte minutos para achegar ao alumnado en bus dende IES ao pavillón.
“Estas instalacións sempre foron deficitarias en espazo, xa que desde hai moitos anos sempre houbo que ir procurando solucións para problemas como, por exemplo, as aulas de educación física”, denunciou o deputado ferrolán Ramón Fernández Alfonzo, que criticou que, debido a esta carencia, o centro “teña que acumular dúas aulas de cada vez” polo que “os rapaces e rapazas están perdendo practicamente a metade do tempo que deberían ter de educación física á semana”, denunciou.
Esta problemática dos horarios polas disfuncións afecta, tamén, ás quendas de ata 16 transportes semanais en autobús, ademais do custo que supón para o centro “actualmente uns 14.000 euros anuais”, sinalou o deputado do BNG. Tamén a propia dispoñibilidade do pavillón municipal afecta á dinámica do centro, que acolle outras actividades “e polo tanto non sempre está dispoñíbel”, argumentou.
Toda esta situación “xera dificultades para elaborar o orzamento anual do centro, porque malia o problema da falta de espazo é vello, e a solución ou o recurso ao desprazamento estar consolidada o certo é que non existe ningún convenio ou documento que así o confirme”, criticou o deputado ferrolán, xa que “o IES ten que agardar todos os anos por esa concesión, e non sempre, non todos os anos se cobra puntualmente”, sinalou, coa consecuente “tensión” que provoca no orzamento do IES Ferrol Vello chegando, incluso, aos casos dos anos 2011 e 2012 “nos que non se lle aboóu ao instituto o custo extraordinario para o transporte, o que provocou unha queixa formal do daquela director do centro”, informou.
Fronte estes agravios á comunidade educativa do IES Ferrol Vello, Fernández Alfonzo argumentou “que calquera goberno responsábel debera facer o necesario para rematar con esta anomalía lectiva e curricular”; tamén a anomalía de que un centro de ensino “non conte coas infraestruturas básicas como un ximnasio axeitado ás necesidades do centro, ademais dun espazo distinto para o patio”, o que resumiu nun incumprimento “flagrante” do que debera ser “o equipamento básico dun IES” por parte do Goberno do PP.
Finalmente, a proposta do Bloque acadou a unanimidade da Cámara para emprazar á Consellería de Cultura a realizar as modificacións de crédito necesarias para dotar ao IES Ferrol Vello dun pavillón para a práctica deportiva.