BNG obtén o compromiso da Consellería de Educación a iniciar canto antes as obras de ampliación do CPI As Mirandas, en Ares
O BNG obtivo hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta para comezar á maior brevidade as obras de ampliación do CPI As Mirandas, en Ares, que levan sendo demandadas en 2008. O proxecto ten convenio sen executar do ano 2012 e que, malia o acordo unánime no Parlamento impulsado polo BNG en 2021, a ampliación segue sen realizarse, xa que de momento a Xunta non lle dedica, malia esta nova promesa, ningunha contía orzamentaria.
“Estamos a falar dunhas obras que eran necesarias xa no ano 2008, cuns barracóns que aínda seguen no patio do centro educativo para vergoña de propios e alleos”, recriminou o deputado ferrolán Ramón Fernández. Incidiu que o Goberno do PP ten a “oportunidade” de dar inicio a uns traballos indicando “a que partida concreta dos orzamentos vai, porque a estas alturas o persoal do centro xa anda falto de confianza”. Os citados barracóns que levan 10 anos sendo ocupados por varias xeracións de nenas e nenos, “actualmente 2 grupos de 3 anos de 12 crianzas cada un”, criticou.
Fernández lembroulle á Consellería de Educación que o pasado 7 de maio do 2021 o Parlamento instara por unanimidade, por iniciativa do Bloque, a realizar “na maior brevidade de tempo posible a obra de acondicionamento da parcela prevista” para así “dispoñer das novas instalacións canto antes”.
A falta de espazo do centro pode resumirse no convenio, “nunca executado”, sinalou o parlamentario nacionalista, do 2012 entre o Concello de Ares, a Xunta e a Deputación da Coruña, onde se recoñecía a necesidade de dotar ao edificio de 6 aulas de educación infantil, unha aula de psicomotricidade, seis aseos de alumnos, e unha sala de profesores.
Fronte as demandas do BNG, o Goberno do PP comprometeuse a realizar obras de rehabilitación no edificio tras máis de dez anos de atrasos e anunciou a licitación da redacción do proxecto o pasado 14 de decembro, dous días antes de vir á sede parlamentaria a contestar a cuestión a petición do Bloque.
Compromiso do que Fernández esixiu “algún tipo de documento que verifique estas intencións da Xunta” e o BNG “celebra” que á fin se dea inicio aos traballos para resolver a situación. Non obstante, debido aos constantes aprazamentos, Fernández emprazou á Consellería de Educación a iniciar a ampliación na maior brevidade posible e atender ás demandas da comunidade educativa do centro.