O BNG non quere “arranxos contabilísticos” do orzamento comunitario que recorten a política de cohesión
Ana Miranda subliña que o Bloque traballará para que non se reduzan as políticas de apoio aos sectores produtivos
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interveu hoxe no pleno do Parlamento Europeo para criticar os “arranxos na contabilidade” do orzamento comunitario que teñen por obxectivo recortar a política de cohesión, tal e como se deduce da presentación que esta tarde fixo o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, e o comisario de Orzamentos, Günther Oettinger, das contas comunitarias para o período 2020-2027.
“Non queremos arranxos contabilísticos que reduzan as políticas de cohesión”, subliñou Ana Miranda, quen na súa intervención parlamentar preguntou directamente si “equilibrar as contas” significa “reducir”. A partir do 29 de maio, cando se presenten as propostas lexislativas, o BNG traballará para que non se reduzan as políticas de cohesión e as políticas de apoio aos sectores produtivos, como a pesca e a agricultura.
O orzamento comunitario ascende a 1,3 billóns, repartidos en 7 años, polo que a cantidade anual ronda os 185.000 millóns de euros, e desta cantidade aproximadamente unha terceira parte se destina as axudas da Política Agraria Común (PAC). Precisamente ao respecto a eurodeputada do Bloque apunta que o recorte orzamentario correspondente á PAC sería un 20%, mentres que no caso das políticas de cohesión a baixada sería dun 7%.
“Para Galiza estas medidas terían un forte impacto e unhas repercusións moi negativas no conxunto dos nosos sectores produtivos”, afirma Miranda, quen asegura que o BNG non as apoiará “en ningún caso” senón que defenderá que se poidan modificar e que a saída do Reino Unido da UE, que resta 14.000 millóns de ingresos, non se compense recortando fondos en agricultura e cohesión.
Por outro lado, Miranda lamentou que a Comisión Europea propoña aumentar o programa de mobilidade para a mocidade. “Os nosos mozos e mozas precisan máis consolidación dos postos de traballo e emprego digno e menos mobilidade e menos precariedade”, manifestou ao respecto.