O BNG non participa dos Pactos PP-PSOE que tilda de "manobras do bipartidismo"
Non asistimos a apariencias de diálogo que non o son. Quérese vender unha disposición ao diálogo que non existe. As forzas políticas do bipartidismo xa teñen todo amañado e acordado, e só nos chaman aos demáis a acudir a unha xunta como convidados de pedra, e a que rubriquemos un documento no que non tivemos ningún tipo de participación, sinalou a portavoz do BNG.
Manobras do bipartidismo
A deputada do BNG censurou as formas das dúas forzas políticas maioritarias que non contaron con ninguén á hora de pactar un acordo, fixeron ao seu xeito. Non adoitamos a nos mover como as marionetas porque temos movemento propio. E non acostumamos a participar en cerimonias que só perseguen unha foto. Engadiu que todo apunta a manobras PP-PSOE para reactivar o bipartidismo que de todos é sabido que está en franco retroceso.
Davila subliñou que o BNG ten as súas propostas e as súas medidas en relación ás políticas impostas pola Troika que tanto PP como PSOE asumiron e fixeron súas. Estamos en total desacordo coas políticas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy, opoñémonos frontalmente, e desde logo, este pacto non é máis que un brindis ao sol, falto de contido concreto, ambigüo e que se adopta mentras Rajoy continúa a aplicar medidas anti-sociais, recortes e mantén na máxima desprotección a amplos colectivos como os afectados polas preferentes.
A portavoz nacionalista reprocha ao PP e ao PSOE que pactaran un documento íntegramente economicista, no que incluso se acredita no actual sistema económico causante da crise. Propoñen afortalar a Unión Económica e Monetaria, e redundan na mesma idea obviando o eido social, a principal eiva desta UE. Unha proposta que exclúe a política social, fundamental neste contexto.