O BNG non confía en Mato para xestionar Medio Ambiente

Ana Pontón

Tras a comparecencia da nova conselleira de Medio Ambiente, a deputada Ana Pontón afirmou que o Goberno permanece “na parálise, sen ideas e no seu final de ciclo político”

 A deputada do BNG, Ana Pontón asegurou que a comparecencia da nova conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato constatou “a falta de realismo e ideas novas coa protección do medio ambiente e Ordenación do Territorio” e amosou as súas dúbidas sobre a capacidade da conselleira Mato para xestionar estas materias “despois do resultado do seu paso pola consellería de Traballo e Benestar”.

Pontón cualificou a intervención da conselleira de “triunfalismo desmesurado” ao afirmar que “estamos mellor economicamente que o resto do estado”. Galiza, retrucou a nacionalista “non vai por diante na saída da crise, imos por diante da saída de xente nova condenada a emigración”. Os orzamentos presentados hoxe non apostan pola conservación da natureza nin pola Rede Natura, estamos ante “un goberno que permanece “na parálise e sen ideas porque está no seu final de ciclo político”.

Despois de aludir aos datos do paro e macroeconómicos, pediu a conselleira que “parta da realidade e abandone o ton electoralista” porque resulta un absoluto “despropósito e irresponsabilidade”.

O PP oculta o número de asesor@s das consellería

Sobre este estremo, a deputada acusou ao Goberno de non cumprir a lei de transparencia e preguntou polas remuneracións e número de asesores e asesoras da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio porque na páxina web, esta información, “non está a disposición de todos os galegos e galegas”, a pesar da Xunta obrigada a ofrecela como establece a lei.

A deputada criticou os anuncios formulados por Beatriz Mato, “son os mesmos que xa fixo a anterior conselleira, Ethel Vázquez” anunciados nos orzamentos do 2015 e hoxe volvemos a vivir un “Dèjá vu” onde se repiten as mesmas promesas.

O PP quere resolver os problemas da Rede Natura con 85.000

A deputada preguntou á conselleira se coñecía o número real das hectáreas que arderon este ano na Rede Natura polo que cualificou de “medida en saco roto” utilizar só 85.000 euros para a mellora do medio ambiente nas zonas afectadas. Vostedes, explicou, ao crear esta consellería contarán con máis recursos, pero outra cousa ben distinta en como os van a destinar despois de que os recortes en Medio ambiente e Ordenación do Territorio deixaron “famélicas” todas as políticas de protección e conservación da natureza e ordenación no noso país.

Sobre urbanismo Pontón sinalou que o orzamento baixa un 2,1%. Dende o BNG non vemos por ningún lado “os orzamentos expansivos da Xunta”, remarcou.

A deputada tamén anunciou que o BNG presentará “unha emenda de devolución” á lei do solo aprobada polo consello da Xunta.

Saneamento das rías galegas, sine die

A nacionalista despois de criticar a ausencia de políticas que prioricen a conservación e mellora do Medio ambiente destacou que no ano 2015 tiña que estar operativa a directiva marco da auga. No caso do saneamento das rías, explicou, vostede volve hoxe a repetir as promesas da anterior conselleira, “ priorizar o saneamento das rías galegas, da depuradora de Ribeira ou do saneamento de Boiro”. O que hai que facer afirmou, é “ rexenerar de maneira integral as rías de Ferrol, Coruña, Arousa...” para xerar postos de traballo.

O 20% do lixo non é tratado

Finalmente, a deputada preguntou que vai mudar sobre o canón da auga tendo en conta que a previsión de ingresos no ano 2015 é de 32 millóns de euros e no 2016, 56 millóns de euros, van a subir o canon da auga ou é unha nova “ficción” o incremento. Sobre a xestión de residuos, Pontón asegurou que SOGAMA é moi caro, tanto en termos económicos como de saúde e o 20% de lixo non se trata, “como vostede mesma recoñeceu hoxe”, concluíu a nacionalista.