O BNG non acudirá á rolda de consultas con Felipe VI
A Executiva Nacional do BNG acordou non participar na rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura de presidente do Goberno español. A decisión do BNG non só parte da súa profunda convicción republicana e soberanista, senón tamén de avaliar moi negativamente o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto actual.
Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están a pór en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante nese proceso, especialmente contra as nacións que facemos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, -como é o de autodeterminación-, que como tales nos corresponden.
Ademais, resulta cada vez máis inxustificábel o mantemento dunha institución anacrónica como a monarquía, incompatíbel cun sistema que se queira democrático, en que a Xefatura do Estado debe ser electa polos cidadáns e cidadás. Non se sostén en parámetros democráticos unha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso, español, reinstaurada polo ditador Francisco Franco.
É o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén nos colectivos como pobo. Por iso, o BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dunha Galiza con plena capacidade para decidir por si propia sobre os seus asuntos de maneira soberana como premisa para podermos construír un país novo, libre e próspero.
Ese compromiso plásmase en que fronte a este Estado español unitario e cada vez máis autoritario que encarna a monarquía, optamos por defender unha Galiza soberana e republicana.