O BNG mostra o seu apoio coas traballadoras de Gri Towers
Noa Presas: “derrubaremos as reformas laborais do PP e o PSOE para que non acontezan máis casos coma a fábrica carballiñesa”.
A deputada no Parlamento de Galiza polo BNG, Noa Presas, e a concelleira da mesma formación no Carballiño, Sofía García, mantiveron unha xuntanza co Presidente do Comité de Empresa de GRI Towers, Modesto Ratón, para coñecer as súas demandas. Asemade, tamén participaron da mobilización posterior que percorreu as rúas do Carballiño até a Casa do Concello.
O BNG trasladou o seu apoio e solidariedade a todas as traballadoras e traballadores de GRI Towers durante unha reunión mantida esta mañá previamente á manifestación celebrada na vila de O Carballiño. “Están en xogo 350 postos de traballo debido ás políticas da empresa” sinalou a deputada no parlamento galego.
“Dende o BNG tomamos o compromiso de que, en todas as institucións nas que estamos e estaremos, aprobaremos iniciativas a prol de presionar a empresa para que leve a cabo os acordos que pactaron cos traballadores e traballadoras” destaca Presas.
A deputada fixo un chamamento ao resto de formacións políticas para que se implicaran e acudiran á chamada das traballadoras. “O sector eólico está en aumento, coa apertura de novos parques eólicos, a Xunta ten que adquirir un compromiso coas traballadoras e traballadores e chamar a empresa que o único que quere é desviar a produción a outras partes do Estado Español” apuntou a deputada.
GRI Towers é unha das empresas máis importantes da provincia de Ourense e unha das que máis postos de traballo posúe na localidade de O Carballiño. A xornada de mobilización de hoxe foi a terceira na que vai de ano, após as manifestacións convocadas para os días 9 e 11 de abril.
Reforma contralaboral
“Temos que asegurarnos de que haxa unha garantía nas condicións laborais das traballadoras, teñen que ser actuais, do século XXI, e non propias da época do escravismo” puntualizou Presas após a reunión mantida co Presidente do Comité de Empresa.
A deputada no Parlamento de Galiza, Noa Presas, tamén destacou que “unha das causas dos problemas que os traballadores mantén coa empresas é debido ás reformas laborais sucesivas do PSOE e o PP”. Asemade, asegura a presenza de Iago Tabarés no Congreso dos Deputados chamando ao “voto dobremente útil” que representa a formación do BNG. “Derrubaremos así as reformas laborais do PP e o PSOE para que non acontezan máis casos como a fábrica carballiñesa” finaliza Noa Presas.