BNG e A Mesa queren avanzar na normalización do galego no ámbito da Administración do Estado
Néstor Rego sinala que a modificación do Regulamento “é unha cuestión simbólica mais moi importante” e acrecenta que “agora do que se trata é de avances reais para a nosa lingua en todo o que depende do Estado”
Para o Presidente da Mesa, Marcos Maceira a Administración Xeral do Estado debe ser un actor importante na normalización de uso da lingua galega, “desde as páxinas web até o requisito lingüístico na provisión de prazas”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, mantiveron unha reunión para avaliar os novos avances na normalización do galego na cámara baixa após a incorporación do uso das linguas diferentes ao español no Congreso. A futura modificación do Regulamento suporá rematar coa “anomalía democrática” que supuña a interpretación arbitraria da norma. Alén do máis, Rego entende que a Administración Xeral do Estado debe avanzar máis na normalización do uso da lingua galega en todos os ámbitos da súa competencia.
“Pensamos que os avances para as linguas non se deben deter aquí”, defendeu o Presidente da Mesa, “todos os puntos da PNL que no seu día impulsamos no Congreso as entidades de defensa das linguas manteñen a súa vixencia”. “Especialmente”, recalcou Maceira, “os relativos ao poder xudicial e á administración xeral do Estado, nos que tamén insistiu o Consello de Europa e que son de obrigada aplicación polo Estado español”.
Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso agradece o labor da Mesa pola Normalización Lingüística durante estes anos, así como o impulso social e institucional para que as linguas oficiais do Estado español pasen a ser linguas de uso habitual.
“A prohibición do uso da lingua galega na tribuna do Congreso parte da arbitrariedade do Presidente ou da Presidenta amparada na ‘tradición’, mais non na legalidade” afirma Rego lembrando que o Regulamento non recolle lingua de uso específica. De facto, o deputado do BNG cualifica como “anomalía democrática” que un ou unha representante non poida utilizar no Congreso a lingua das persoas que a elixiron.
“Entendemos que é necesario, e niso estamos traballando, que se reforme o Regulamento do Congreso para deixar constancia expresa do dereito de calquera deputado ou deputada a empregar a súa propia lingua na cámara, tanto oralmente como por escrito” apunta o deputado do BNG. Esta modificación do regulamento, engade Rego, é unha cuestión simbólica mais moi importante.
Mais, alén desta proposta de modificación do Regulamento do Congreso, o deputado do BNG sinala que a Administración Xeral do Estado debe asumir que ten que actuar para a normalización de uso da lingua galega en todos aqueles ámbitos que son da súa competencia, desde a propia administración até a xustiza, o consumo, o audiovisual, o respecto á toponimia ou os medios de comunicación públicos “que pagamos tamén os galegos e galegas e que “teñen de recoller con normalidade as producións culturais e artísticas na nosa lingua”. Nesta liña lembrou o compromiso do Goberno de aumentar a produción propia da TVE-Galiza ou a recuperación das emisións de Radio 4 na nosa lingua.
Marcos Maceira insistiu na responsablidade que ten a Administración do Estado coa normalización do galego no ámbito das súas competencias, “desde as páxinas web até o requisito lingüístico na provisión de prazas. Trátase de garantir o dereito de calquera cidadán ou cidadá a ser atendido na súa lingua”, salienta.
“Reiteramos o compromiso firme do BNG con todo o que teña que ver coa normalización da nosa lingua. Compromiso que lle trasladamos á Mesa e tamén ao conxunto da cidadanía galega” subliña o deputado nacionalista. Por outra banda, lamenta que o Partido Popular sexa a primeira en saír a anunciar que se oporán á posibilidade de uso da lingua galega no Congreso.