BNG manifesta o seu malestar ante “a fuxida” do conselleiro de Medio Rural por negarse a explicar a negativa das axudas para a produción de ecolóxico
A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil manifestou o malestar do BNG ante o que considerou unha “fuxida” do conselleiro de Medio Ambiente, José González Vázquez por negarse a ser interpelado por esta forza política sobre a suspensión das axudas para os produtores e produtoras de ecolóxico.
A parlamentaria do BNG cualificou de “atropelo” ao Parlamento galego e ás persoas afectadas e explicou que o aprazamento da interpelación é contraria ao Regulamento da Cámara “que non permite o aprazamento das interpelacións”.
Desde o BNG, dixo, queremos deixar constancia do noso rexeitamento a este aprazamento que é ademais “unha fuxida” do conselleiro de Medio Rural cada vez que se trae a este Pleno un asunto conflitivo.
“O conselleiro debera estar aquí dando explicacións nun asunto que afecta a milleiros de explotacións en toda Galiza nun sector estratéxico para o país como é o ecolóxico pero é que, en todo caso, o Goberno é solidario para responder”, e iso, recalcou, é “o que pedimos, que responda o Goberno da Xunta de Galiza.
Tras tomar a palabra ao inicio da sesión plenaria por unha cuestión de orde, a viceportavoz nacionalista afirmou que o BNG “non vai aceptar este atropelo ao funcionamento democrático do Parlamento e o desprezo que representa, non o para o BNG, senón para ás persoas que están reclamando as axudas ás que teñen dereito”.
Olalla Rodil insistiu en que o aprazamento da interpelación ao conselleiro vai en contra do Regulamento do Parlamento e pediu unha resposta da Xunta. Pola súa parte, a Mesa do Parlamento propuxo votar manter a orde do día sen a interpelación ao conselleiro. A maioría do grupo popular vetou que o titular de Medio Rural fora interpelado polo BNG.