BNG loitará nas institucións comunitarias polos sectores produtivos, entre eles o agrogandeiro
A cabeza de cartel denuncia que Lugo é “a cidade peor conectada por ferrocarril” e asegura que defenderá tamén na UE melloras nas conexións
A portavoz nacional, Ana Pontón, e cabeza de lista, Ana Miranda, pediron en Lugo a mobilización masiva de todos os galegos e as galegas o próximo domingo, acudindo ás urnas coa papeleta do BNG porque é a que representa a “candidatura do País” e a que defenderá en Bruxelas os intereses dos galegos e as galegas.
“A candidatura do Bloque é a candidatura de País, a que os galegos e as galegas poden sentir como propia porque somos o equipo da casa, o único que vai defender as cores de Galiza, desde a razón e desde o corazón, con toda a nosa forza”, proclamou Pontón, quen incidiu ademais no dobre valor que ten o voto ao BNG: como garantía de que Galiza vai ter en Bruxelas unha “voz firme e reivindicativa” que a defenda e como garantía para construír “outra Europa posible, social, feminista e pacifista”.
Nunha chamada á participación e a encher as urnas de papeletas do Bloque, incidiu que a candidatura que encabeza Miranda é a de toda a cidadanía “que quere que Galiza conte e que quere construír unha Europa social e dos pobos, e tamén a Europa da paz”.
Por iso estas eleccións “non van nin de Sánchez nin de Feijóo, nin de que nos impoñan as súas liortas e a crispación madrileña”. Estas eleccións van, engadiu, “dos galegos e as galegas, dos nosos sectores produtivos, das infraestruturas urxentes que precisa Galiza para estar ben comunicada e poder competir, de reforzar os servizos públicos, da xente do mar e do rural, de darlle futuro á xente moza no País para que non se vexa na obriga de emigrar por falta de oportunidades”.
A líder do BNG subliñou que o escano do BNG fará bandeira da defensa do sectores produtivos, como o agrogandeiro, tan importante na economía de Lugo e para manter un rural vivo no que se produzan alimentos de calidade. Neste punto, defendeu unha Política Agraria Común (PAC) que se adapte ás explotacións agrogandeiras e teña en conta a realidade galega.
Criticou, neste sentido, as políticas agrarias que poñen por diante das pequenas e medianas explotacións aos grandes terratenentes, latifundistas -dixo- que reciben grandes axudas en base a uns “dereitos históricos” que son “un disparate” porque priman as grandes extensións aínda que non produzan nada.
Fronte a estas axudas para “agricultores de sofá”, avogou por outra PAC “adaptada á nosa realidade, que en lugar de recortar e limitar permita desenvolver todo o noso potencial produtivo, porque o sector agrogandeiro é estratéxico para nós, recalcou.
Contrapuxo así a voz do BNG en defensa do “dereito a producir na propia terra” ás políticas comunitarias que van contra os intereses galegos co aval, e mesmo a complicidade, dos distintos gobernos do Estado e das forzas do bipartidismo, que agora mesmo optan por pórse de perfil ou por apoiar directamente a instalación dunha industria contaminante como a de Altri no corazón de Galiza.
“A partir do 9-X o Bloque volverá a voz contra a discriminación dos nosos sectores produtivos e a voz que defenda o dereito a desenvolver o potencial do País, empezando polo sector agrogandeiro, porque é a maneira de xerar riqueza e emprego digno na nosa terra”, concluíu.
Unha Galiza con futuro nunha Europa diferente
Na mesma liña, Ana Miranda comprometeuse a ser a “voz forte” que precisan os galegos e as galegas para que en Bruxelas se fale de Galiza, como ocorreu cando o BNG denunciou a exclusión do País do Corredor Atlántico e como se propón seguir a facer para denunciar que Lugo “é a cidade peor conectada por ferrocarril” .
A cabeza de cartel fixo na cidade da Muralla repaso dalgúns dos asuntos de máis relevancia tratados nos últimos anos nas institucións comunitarias grazas ao BNG, entre eles o accidente do Alvia, as preferentes, o reparto xusto dos fondos europeos, os problemas dos nosos sectores produtivos, a denuncia de que a PAC non ten en conta as características do agro galego ou, máis recentemente, os plans de Altri para instalar co beneplácito do PP unha bomba ambiental no corazón de Galiza
“Se o Bloque non estivese en Europa, non se falaría destes temas que tanto afectan a Galiza”, salientou, para a continuación remarcar que o “escano do País” servirá a partir do 9-X para seguir loitando en Europa por “polas causas xustas galegas pero tamén polas causas xustas da humanidade”.
“Queremos unha Galiza con futuro, pero nunha Europa diferente: unha Europa dos pobos e das persoas, dos dereitos sociais e a xustiza social, unha Europa que aposte apolo respecto e a paz eu que poña freo á extrema dereita que quere quitarnos os dereitos acadados con tanta loita”, afirmou.
Miranda concluíu dando a súa palabra de que como eurodeputada só obedecerá aos intereses do pobo galego. “O escano doa BNG en Bruxelas será o escano que defenderá os intereses de Galiza, libre, sen intermediarios. Porque, ao contrario que outros que teñen que pedir permiso, ao único que lle temos que dar contas é ao pobo galego”, concluíu.