BNG logra a unanimidade do Parlamento para reclamar ao Estado o traspaso das competencias de saúde penitenciaria
O BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para instar á Xunta a reclamar do Goberno do Estado o traspaso das competencias en materia de saúde penitenciaria ao Servizo Galego de Saúde, unha transferencia que debe estar acompañada dos medios humanos, económicos e materiais necesarios atendendo á suficiencia dinámica para a prestación do correspondente servizo, así como da compensación da débeda contraída polo Ministerio de Interior co Sergas.
A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, recordou na defensa desta iniciativa ante a comisión parlamentaria de Sanidade o acordo neste mesmo sentido da Cámara galega en 2015, “sen que seis anos despois se teña avanzado nada para o cumprimento deste acordo”, polo que, logo do novo consenso alcanzado hoxe, emprazou ao Goberno galego a iniciar os trámites dunha vez por todas.
Neste sentido, subliñou que ao igual que o BNG, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades Esculca, ten reclamado en reiteradas ocasións a integración do servizo sanitario penitenciario dos cárceres galegos no Sergas, unha transferencia que, segundo os pronunciamentos do Goberno español e do Defensor do Pobo estatal, comeza en canto o solicite o Executivo galego.
“Non entendemos cal é a razón pola que a Xunta non teña realizado as negociacións para a integración deste servizo no Servizo Galego de Saúde”, cuestionou, para engadir que a transferencia non é unha mera cuestión de distribución de competencias, senón que “se trata de mellorar a saúde das persoas reclusas e é recomendada por diversas disposicións internacionais”.
Prado indicou que as persoas presas adoitan ter unha saúde máis precaria que o resto da poboación debido fundamentalmente á falta de servizos sanitarios de calidade, con diagnoses rápidas e tratamentos axeitados. “Sen eses recursos, nas prisións moitas doenzas convértense en crónicas e non por casualidade nas cadeas hai un elevado índice de doenzas infecciosas e tamén de suicidios”, explicou para recalcar a continuación que “manter a actual situación, alén de supor o incumprimento dunha disposición legal que vincula ao Executivo e a todos os poderes públicos, determina un estatuto discriminatorio para os presos e presas custodiados pola Institución Penitenciaria estatal.
Segundo subliñou, non facilitar á poboación reclusa unha atención sanitaria digna, que non poida acceder ao dereito á saúde en igualdade de condicións que o resto da poboación, “supón unha dobre condena”, tal e como teñen alertado numerosas asociacións de defensa dos dereitos humanos, ao denunciar as numerosas disfuncións que se producen nas cadeas polo mantemento do sistema “dual” de atención sanitaria en prisión, en especial, na atención especializada e psiquiátrica. “Do que se trata, en definitiva, é de asumir competencias para garantir unha atención sanitaria ás persoas reclusas en condicións de equidade e igualdade coas persoas libres”, concluíu.