BNG logra a unanimidade do Parlamento para que a Xunta vote no consello do porto de Vigo que o concurso da concesión de Vulcano estea condicionado ao uso para a construción naval
BNG acadou a unanimidade do pleno do Parlamento galego para instar á Xunta a que se posicione e vote no consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo que o concurso da concesión portuaria do antigo estaleiro Vulcano estea condicionado ao uso para a actividade de construción e reparación naval.
De igual xeito, a deputada nacionalista Carmela González propuxo que o Executivo galego inste ao porto vigués a permitir o uso da lámina de auga, mentres o concurso non se resolva, ao agora denominado Estaleiros San Enrique para que poida continuar a súa actividade e que o persoal que está no paro, poida reincorporarse ao seu posto de traballo, un segundo punto da mesma iniciativa parlamentaria que neste caso contou co voto favorable do PP e a abstención do PSOE.
Na defensa desta proposición non de lei, González advertiu da “crítica situación” do estaleiro, coas e cos traballadores pedindo o apoio de todos os partidos políticos e de todas as Administracións -nomeadamente da Xunta, o Estado e o concello- e coa sociedade civil de Vigo reclamando unha solución para garantir o seu futuro.
“Pero a solución está nas súas mans -apelou ás bancadas de PP e PSOE na Cámara galega- porque son vostedes os que teñen voto no consello de administración do porto de Vigo, son vostedes os que toman as decisións no porto: permitan que as gradas de Teis volvan a ter barcos e que as familias que dependen dos empregos do estaleiro teñan o seu futuro garantido”, incidiu.
A deputada viguesa recordou que o BNG leva meses pedindo á Xunta que se poña á fronte da crise do sector naval, con políticas activas de apoio que permitan estabilizar a carga de traballo e o mantemento do emprego, coa convocatoria da Mesa do Naval para trazar unha folla de ruta para recuperar o sector, co impulso da intervención pública de Barreras e, agora, no caso de Vulcano (“ámbolos dous estaleiros fundamentais segundo o propio clúster do naval”, dixo), “a pelota téñena no tellado o PP e o PSOE, o seu futuro depende dos representantes que teñen os dous partidos no consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo”, recalcou.
Logo de repasar a crise do centenario estaleiro, cun procedemento concursal de liquidación que rematou coa súa adquisición por parte de Marina Meridional pasando a denominarse Estaleiros San Enrique, González incidiu na importancia da concesión do dominio portuario -que Vulcano tiña ata o ano 2027- para o desenvolvemento da súa actividade “xa que representa o 40% das instalacións e inclúe o acceso á lámina de auga”.
Neste sentido advertiu de que, aínda que publicamente o presidente da Autoridade Portuaria non descartou a posibilidade dunha autorización temporal que permita a continuidade da actividade do estaleiro, “a realidade e que se está paralizando ao impedir o uso da lámina de auga”, aludindo deste xeito á negativa do porto á entrada dun barco da ONG Open Arms no estaleiro de Teis para a súa reparación, pese a que contaba co permiso da Capitanía Marítima.
“Dificilmente poderá o estaleiro recuperar a súa actividade e poderá volver o cadro de persoal que está na casa sen ingresos, porque esgotaron as súas prestacións por desemprego, se non se permite o uso das instalacións aínda que sexa de forma temporal ate a nova concesión”, asegurou, para pedir a continuación a Xunta e concello que abandonen “as súas liortas partidistas nas que Vigo é a única que perde” e que traballen da man polos vigueses e as viguesas.
“Deputadas e deputados do PP e do PSOE: teñen a oportunidade de poñerse do lado da cidade de Vigo, da industria e do emprego, apoiando esta iniciativa e votando para que o concurso para a concesión portuaria do antigo estaleiro Vulcano estea condicionado ao uso para a actividade de construción e reparación naval e que se permita mentres non se resolva o uso da lámina de auga a San Enrique para que poida continuara a súa actividade e que o persoal poida reincorporarse ao seu posto de traballo”, concluíu.