BNG logra a unanimidade do Parlamento para que a Xunta homenaxee a figura da investigadora e historiadora ourensá Olga Gallego
Queixas puxo en valor a figura da primeira muller que entrou oficialmente na Real Academia Galega, unha bibliotecaria e arquivista pioneira no ámbito historiador, arquivístico e bibliotecario galego.
“Un percurso profesional que evidencia unha muller que sobardou o corsé propio do tempo para as mulleres”, destacou a portavoz de Cultura sobre unha profesional da que se cumpren 100 anos dende o seu nacemento
O BNG acadou a unanimidade na Cámara para que a Xunta leve ao cabo un programa de divulgación, recoñecemento e actividades encol da figura da investigadora, historiadora, arquivista e pioneira ourensá Olga Gallego, nada en Ourense en 1923 e cuxa figura merece ser dada a coñecer á sociedade galega.
A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, puxo en valor a unha muller que foi a primeira en acadar unha cadeira na Real Academia Galega (RAG), recoñecida bibliotecaria, arquivista e historiadora, eidos nos que foi pioneira e rachou o teito de cristal. Olga Gallego, explicou, “un percurso profesional que evidencia unha muller que sobardou o corsé propio do tempo para as mulleres, sendo independente economicamente”.
Unha investigadora e académica “que accedeu ao coñecemento, á investigación, e ao desempeño de cargos de xestión de responsabilidade, abrindo camiños que son sustento e base para o presente profesional”, salientou Queixas, cunha fundación homónima que nos nosos días contribúe á divulgación e investigación no eido da arquivística e cuxa biblioteca persoal foi cedida ao Arquivo de Galicia. Estes fondos “aínda non se atopan dispoñibles en formato dixital”, malia estar anunciado nunha ligazón. Un arquivo completo e diverso, cedido enteiro á Xunta e que aínda agarda pola súa dixitalización e accesibilidade, algo que, enfatizou Queixas, amosa o “abandono” dos arquivos por parte do PP.
Gallego, lembrou a portavoz de Cultura, “é unha de tantas mulleres que sostiveron e sosteñen o sistema de arquivos e bibliotecas públicas. As súas achegas ao campo da arquivística e outras ciencias documentais son numerosas, mais na actualidade o acceso ao seu fondo en formato dixital aínda segue a ser escaso”.
É por iso que o BNG levou á Cámara a proposta de instar á Xunta a homenaxear a esta profesional nun contexto onde o propio Parlamento recoñeceu de xeito unánime a varias figuras salientables do coñecemento e das letras galegas como Manuel Murguía e Carlos Oroza e sociedades como o Seminario de Estudos Galegos. De feito, a deputada do Bloque salientou, precisamente, que “o que non se nomea non existe. Disto as mulleres sabemos moito ao longo da historia”, polo que é de responsabilidade colectiva reverter o descoñecemento de figuras femininas como Olga Gallego para reverter “tantos espazos de silencio inxusto e inmerecido”, valorou. Unha proposta que acadou unanimidade de todos os grupos políticos da Cámara.