BNG logra a unanimidade do Parlamento para crear un fondo de gravacións tradicionais galegas de música de Nadal
O BNG propuxo á Xunta a creación dun fondo de gravacións tradicionais galegas de Cantos de Nadal e Reis, de panxoliñas galegas, que se poñan a disposición das cadeas comerciais que acostumen a usar música ambiental, así coma na CRTVG.
O seu interese patrimonial, explicou o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, reside non só na súa elaboración popular, senón tamén na súa destacada polifonía, de posible autoría dos mestres de capela das principais catedrais do país, que posiblemente compuxesen por encarga para actos relixiosos deste tempo do ano.
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, puxo en valor a herdanza patrimonial dunhas composicións propias que “se contan por centenares”, explicou, e que consistían en cancións que se cantaban na noite de Nadal e na noite de Reis en referencia ao nacemento de Cristo segundo a liturxia cristiá, con letras en alusión aos ritos propios do paganismo anterior, en relación cos ciclos solares, os tempos do agro e os fenómenos do ceo. As panxoliñas, dunha banda, como cancións escritas en lingua propia e melodías tamén de raíz popular e moitas delas de elaboración culta. No caso dos cantos de Nadal ou Reis, con letras en castelán e cunha temática que narra feitos bíblicos, maiormente.
Esta herdanza, advertiu o parlamentario nacionalista, atópase ameazada pola concepción do Nadal só como festa “consumista” e de comunicación masiva, que difunde as panxoliñas en inglés pero non facilita a difusión das composicións propias en galego.
É por iso que o BNG levou á Cámara a petición á Consellería de Educación e Cultura para fundar un fondo de gravacións tradicionais galegas de música de Nadal e poidan ser accesibles para as cadeas comerciais que acostumen a usar música ambiental, nos medios públicos galegos, a CRTVG, para o seu achegamento ao público en xeral e, tamén, no ensino, para o coñecemento de alumnos e alumnas, iniciativa que obtivo a unanimidade na Cámara para que a Xunta o poña en marcha.