senado

BNG logra aprobar unha iniciativa no Senado para que se transfiran á Galiza de forma gratuíta os activos da SAREB

Carme da Silva

Carme da Silva consegue o apoio da cámara alta para que, antes de finalizar o ano, exista información actualizada sobre o número de bens da SAREB na Galiza

“De non cederse de forma gratuíta estes activos, os galegos e galegas estaríamos pagando dúas veces o rescate bancario. A SAREB xa foi rescatada con diñeiro público” defende a senadora do BNG

A senadora do BNG, Carme da Silva, consegue o apoio da cámara alta para que o Goberno do Estado transfira á Galiza de forma gratuíta as vivendas propiedades da SAREB en territorio galego para que sexa incorporadas ao parque público do IGVS. Así mesmo, insta o Goberno a reformular o Plan Viena e que primen os usos sociais das vivendas no canto de criterios economicistas, e o posterior traspaso ás CCAA, co obxectivo de realizar unha xestión pública e social unha vez que remate o período de cesión aos investidores.

Durante a Comisión de Vivenda e Axenda Urbana do Senado, a senadora do BNG defendeu unha iniciativa da organización nacionalista relativa aos activos inmobiliarios da SAREB na Galiza, así como coñecer o seu estado e a cesión gratuíta á Xunta para que destinala a vivenda social pública. A iniciativa do BNG conseguiu os apoios suficientes para ser aprobada.

Entre os puntos aprobados,  o BNG insta ao Goberno do Estado a trasladar á Xunta, antes de finalizar o ano, a información actualizada sobre o número de bens inmóbeis e chans, o seu estado de conservación, a súa evolución e localización do parque inmobiliario en mans da SAREB na Galiza.

“A SAREB xa se rescatou con diñeiro público. De non ceder estes activos de forma gratuíta, estaríamos pagando dúas veces o rescate bancario” sinalou a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva consegue o apoio para que se leve a cabo a cesión gratuíta á Xunta de Galiza das vivendas propiedade da SAREB no territorio galego para que se destinen a usos sociais e sexan incorporadas ao parque público do IGVS.

“Cederanse ao Goberno da Xunta da Galiza as vivendas e inmóbeis que se atopen en condicións adecuadas para o seu uso, ou que necesiten reparacións de pouca entidade e non estean en ningún tipo de situación legal que impida o seu alugueiro unha vez cedidas” relata a iniciativa do BNG aprobada.

Nun contexto como o actual, evidenciou a senadora do BNG, onde un dos principais problemas da cidadanía e acceder a unha vivenda “é preciso que o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza traballen para solucionalo e para iso só existe unha solución: ter vivenda pública”.

Primar o uso social da vivenda: reformular o Plan Viena

Por outra parte, o Goberno anunciaba a creación dun Programa de cesión de chans a favor de investimentos privados denominándoo como Plan Viena. En xullo, o Consello de Administración da SAREB aprobaba a posta en marcha do Plan, un programa de colaboración público privado en que a entidade pon ao dispor de investidores de chans finalistas unhas 10.600 vivendas, destinadas a alugueiro.

Primeiramente, excluían á Galiza da primeira fase, algo que corrixiron finalmente. Non foi algo inocente. Esta corrección produciuse despois do debate dunha iniciativa do BNG no Parlamento Galego emprazando á Xunta a dirixirse ao Goberno central para reclamar a inclusión do territorio galego. Ademais, entre os puntos aprobados o BNG logra demandar ao Goberno para que “reformule o Plan Viena para priorizar os usos sociais das vivendas en lugar de criterios economicistas ou de rendibilidade dos investidores e acordar o traspaso da titularidade das devanditas vivendas ás CC.AA. co obxectivo de realizar unha xestión pública e social unha vez que finalice o período de cesión concedido aos investidores”.