BNG logra aprobar unha iniciativa para dotar de máis recursos á hospitalización a domicilio e ampliar a cobertura do servizo

Iria Carreira

Iria Carreira salientou que se garanta a equidade do sistema sanitario, neste caso a través de HADO, e a cobertura de toda a poboación cos recursos humanos e materiais que sexan precisos

O BNG manterase vixiante e que non lles valen promesas baleiras

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Carreira, presentou na Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, unha Proposición Non de Lei para insta á Xunta de Galiza que garanta a cobertura de toda a poboación a través da Hospitalización a Domicilio no prazo máximo de un ano, así como dotar estes servizos dos recursos humanos e materiais precisos para poder garantir o seu bo funcionamento.

Carreira subliñou que a valoración da hospitalización a domicilio é xeralmente moi positiva por parte dos pacientes que a reciben e a súa familia, máis lamentou que este servizo “non chegue a unha boa parte do territorio do país”. Vivir lonxe do centro sanitario de referencia supón, explicou, que moitos pacientes non poidan acceder á hospitalización a domicilio, que xa presenta unha serie de “limitacións inherentes” como a falta dun coidador principal no caso daqueles pacientes que vivan sos ou acompañados de alguén que non lle pida prestar a axuda necesaria.

A falta de cobertura de HADO é unha mostra máis das “iniquidades” do sistema sanitario, segundo dixo Iria Carreira, quen destacou as “claras vantaxes” deste servizo “pois permitir que as pacientes permanezan no seu domicilio humaniza a asistencia e permite unha mellor autonomía e calidade de vida, así como menos molestias e trastornos no ámbito familiar”.

A deputada nacionalista lembrou que “preocupadas polo fin do ano 2023 e o non cumprimento dos obxectivos establecidos”, o BNG trouxo a debate nesta mesma comisión unha iniciativa demandando por parte da Xunta de Galiza que antes da fin do período de sesións se garantise a cobertura de toda a poboación pola Hospitalización a Domicilio. “Rematou o período de sesións, rematou a lexislatura, pasou un ano enteiro, e seguimos igual” sinalou.

Carreira salientou que unha gran parte do territorio non conta con HADO. “Falamos de concellos coma Sada, que estando á beira da Coruña, aínda non conta con este servizo. De concellos máis rurais, Abadín, Cospeito, Friol, Meira, Xinzo de Limia, Melide, Toques, Arzúa ou Boimorto, por exemplo, non contan a día de hoxe con hospitalización a domicilio”.

A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade. A deputada nacionalista subliñou que o BNG manterase vixiante e que non lles valen promesas baleiras.