O BNG logra o apoio do Parlamento para que as axudas COVID19 ao marisqueo non executadas sexan investidas no sector
O BNG logrou un acordo unánime do Parlamento, dentro do seno da Comisión de Pesca, para que os fondos non executados da liña de axudas ao marisqueo polo cese de actividade durante o estado de alarma, -dotada con 5,2 millóns de euros-, sexan igualmente destinados a un sector con amplas necesidades.
Na defensa da proposición non de lei, a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, alegou as duras condicións de acceso para poder beneficiarse desta subvención, o que motiva que unha parte substancial dos cartos queden sen gastar, razón pola que se solicita que o remanente se destine igualmente e de xeito íntegro ao sector do marisqueo.
“As condicións que establecía a convocatoria son especialmente duras con requisitos moi difíciles de cumprir por parte da gran maioría do sector, por iso o BNG presentou esta iniciativa parlamentaria para que ese fondo, -moi publicitado pola Xunta-, sexa reinvestido no propio sector que ten infinidade de necesidades, en lugar de destinalo a outros fins que prive das axudas ás persoas marisqueiras”, salienta a deputada nacionalista.
O Bloque, na mesma Comisión de Pesca, tamén logrou sacar adiante outro acordo, neste caso en relación ao Museo do Mar de Noia, polo que pide á Xunta que se dirixa aos grupos de acción local de pesca (GALP), -no caso que se cita na iniciativa o GALP 4-, para lembrarlles os deberes que asumen cando son beneficiarios de subvencións públicas da Consellería do Mar. En concreto, relativo ao cumprimento das condicións e prescricións establecidas en canto aos obxectivos, realización das actividades que fundamenta a concesión da subvención.