BNG logra o apoio do Congreso para rescatar a AP-9 e axilizar a transferencia á Galiza
Luz verde na cámara baixa á moción do BNG para iniciar o rescate da Autoestrada do Atlántico e axilizar a transferencia da AP-9 á Galiza
O Congreso, por petición do BNG, insta o Goberno a realizar de forma inmediata un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga
O Bloque Nacionalista Galego consegue o apoio do Congreso para que o Goberno do Estado proceda ao rescate da AP-9 e axilice a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Xunta de Galiza. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, encargado de defender moción, logra que as propostas da organización nacionalista saian adiante: realizar o estudo para anular a prórroga, iniciar os trámites do rescate, asumir a xestión directa e impulsar a transferencia da AP-9 á Galiza.
A moción do BNG foi aprobada
Nos puntos aprobados pola cámara baixa, impulsados polo BNG, o Congreso insta o Goberno do Estado a que inicie os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 e asuma a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes.
Así mesmo, o Congreso insta ao Goberno do Estado a que encargue ou realice, de forma inmediata, un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga e en que sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da Autoestrada do Atlántico.
Por outra parte, entre os puntos resolutivos aprobados, a cámara baixa manifesta o seu compromiso para impulsar a tramitación da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da Autopista do Atlántico (AP-9), promovida por unanimidade polo Parlamento da Galiza á Comunidade Autónoma de Galiza.
Bonificacións e transferencia á Galiza
Durante a comparecencia do Ministro de Transportes, Néstor Rego denunciou que a Autoestrada do Atlántico era a autoestrada máis cara do Estado, o que supón un lastre para o desenvolvemento social e económico, nomeadamente para as familias e empresas galegas. “Hai que rematar con esta inxustiza. Remediar o que supón un agravio e unha discriminación coa Galiza” interpelou o deputado do BNG a Puente.
“Desde 2017, 1.029 quilómetros de autoestradas do Estado pasaron a ser libres de peaxes mais Galiza continúa a pagar por 200 quilómetros unha infraestrutura que está xa pagada” evidencia Rego. O rescate, continúa, suporía un beneficio para o conxunto dos galegos e galegas e tamén para as arcas do Estado polo que Rego entende que o Ministerio “debe realizar un estudo para o seu rescate”. A sentenza europea obrigará ao Estado a facelo, poden tomar a iniciativa, convidou Rego o Goberno.
Sobre as “bonificacións sen precedentes” das portaxes da AP-9, o nacionalista lembrou que foi grazas ás negociacións do BNG despois dos dous acordos de investidura conseguidos pola formación nacionalista. “Agradecemos que o Ministerio declarase, como xa adiantamos o venres pasado desde o BNG, o trámite para as novas bonificacións pola vía de urxencia porque suporán o cumprimento do Acordo conseguido polo BNG” sinala Néstor Rego. De todas formas, adiantou, a única solución definitiva posíbel “será o rescate” á que o Ministro non pechou a porta dicindo que “non é imposíbel mais si é difícil”.
“Alegrámonos de que o Partido Popular rectifique após anos de políticas en contra dos intereses dos galegos e galegas a respecto da AP-9: prorrogando a concesión da infraestrutura, bloqueando a tramitación para a transferencia. Veremos se a súa mudanza de postura é sincera ou puramente demagóxica porque agora están na oposición” sentenza Rego.