BNG logra o acordo no Parlamento para manter as condicións de uso no peirao de embarcacións tradicionais de Combarro

Festa do Mar en Poio
Festa do Mar en Poio (arquivo)
Luís Bará arranca o voto do PP para eximirlle o pago de taxas ao club A Reiboa, medida que se fará extensiva a toda a rede de Mariñas Tradicionais  

BNG arrancou no Parlamento galego mediante unha transacción o voto do PP, que inicialmente non quería apoiar a iniciativa, para aprobar unha proposición non de lei para manter as condicións da autorización de ocupación do pantalán de embarcacións tradicionais que vén usando desde 2011 o Club Mariño A Reiboa no peirao da Chousa de Combarro, no concello de Poio, eximindo ao club do pago da taxa X5 ou da súa bonificación ao 100%.

Segundo o acordo impulsado polo portavoz nacionalista de Infraestruturas e Medio Ambiente, Luís Bará, na comisión parlamentaria de Pesca, para a aplicación desta exención ou bonificación terase en conta, con carácter provisional e mentres non se desenvolva o previsto no decreto 52/2019, o censo de embarcacións tradicionais da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar.

De igual xeito, polo texto consensuado, o Parlamento instará á Xunta a adoptar as medidas oportunas para que no citado peirao se poidan realizar en condicións de seguridade as actividades de divulgación que corresponden a unha Mariña Tradicional, así como estender estas medidas a toda a rede de Mariñas Tradicionais en construción ou en proxecto na costa galega.

Por último, o acordo inclúe o desenvolvemento urxente e acordado co sector do decreto 52/2019, polo que se declaran bens de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas de carpintaría de ribeira, en especial no relativo ao órgano de xestión para as medidas de salvagarda, que será quen determine os criterios para elaborar o censo de embarcacións tradicionais.

Tal e como explicou Bará, o acordo permite desbloquear a redacción e desenvolvemento do decreto, imprescindible para oficializar o censo e crear o futuro órgano de xestión de salvagarda, e de igual xeito posibilita a aplicación de bonificacións, no máximo legal, na Reiboa, pero tamén facelas extensivas ao conxunto de embarcacións tradicionais.

“Cámbiase a política de penalización por unha política de incentivos que premia e recoñece o labor de entidades como Culturmar ou Agalcari, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira”, explicou o deputado nacionalista, para a continuación subliñar que o BNG agarda que o Executivo galego desenvolva con inmediatez o decreto e aplique “estas bonificacións no máximo legal, como acordamos”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG