O BNG logra o acordo do Parlamento para reabrir o centro de formación aixola no porto de Marín
Bará critica a incompetencia da Xunta por ter o centro pechado desde fai dous anos, estragando recursos e desaproveitando infraestruturas
Santiago de Compostela, 11 de Outubro 2019.- O BNG logra o acordo do Parlamento para reabrir o centro de formación Aixola coa mesma oferta formativa, cando menos, que a ofrecida no curso 2016-2017, ultimo período lectivo que estivo en activo e, neste sentido, iniciar o procedemento para a contratación do persoal docente e para a inscrición das persoas interesadas en facer os cursos, co obxectivo de que reiniciar as actividades o antes posible.
“Pechouse cun absoluto escurantismo sen que a Consellería do Mar dese ningunha explicación, e todo indica que o peche obedeceu a un enfrontamento entre as consellerías de Industria e Emprego sobre en cal recaía a competencia deste centro. Até onde lle consta ao BNG, a Consellería de Industria e Emprego contaba cos fondos necesarios para seguir coa formación, e darlle ademais o recoñecemento académico de profesionalidade que non ten agora”, explicou o deputado por Pontevedra, Luís Bará durante o debate da proposición non de lei no Parlamento galego.
Como consecuencia, profesorado na rúa, alumnado interesado sen resposta a súa demanda perdéndose oportunidades de formación e inserción laboral. O peche tamén implica maquinaria abandonada, proxectos paralizados e instalacións que non se usan, o que xa ten provocado demandas de explicacións por parte do Porto de Marín.
“O PP ten que recoñecer a súa mala xestión e pedir perdón por ter pechado durante dous anos un centro de referencia en lugar de vir aquí con escusas, porque non hai ningunha razón para ter ese centro pechado”, recalcou Bará, quen tamén se preguntou “que clase de coordinación ten o Goberno de Feixóo que en ano e medio a consellería do Mar e a Consellería de Industria a través da súa Dirección de Emprego non dan feito un convenio de colaboración”.
Ademais de “estragar recursos”, Bará recriminou a mala xestión: “son tan malos xestores que nin gastan os recursos de dúas consellerías con moi baixo nivel de execución orzamentaria tamén en materia de formación”.
O centro de formación Aixola no Porto de Marín é un centro singular e pioneiro que ten como obxectivo a capacitación profesional a persoas que queren actualizarse tras deixar algún tipo de traballo vinculado ao mar, e ademais das actividades formativas tamén desenvolve actuacións de preservación e divulgación do patrimonio marítimo galego, reparación de embarcacións e proxecto de renovación e investigación.
Finánciase con fondos europeos fundamentalmente e, mentres funcionou, a propia Xunta destacou o alto nivel de inserción laboral que conseguían o seu alumnado.