O BNG logra o acordo do Parlamento para impulsar un plan de investimentos para mellorar as conexións ferroviarias galegas
O BNG impulsou esta mañá o acordo no Parlamento galego para a aprobación dunha proposición non de lei na que se insta á Xunta a que reclame do Goberno central un plan extraordinario de investimentos para a modernización e mellora da rede ferroviaria galega que inclúa con carácter prioritario as liñas de Ourense-Lugo; Lugo-Coruña-Ferrol; Coruña-Ferrol; Ferrol-Ribadeo; Vigo-Ourense e Vigo-Porto.
Na iniciativa –transaccionada co PP e apoiada polo grupo socialista– demándase tamén a reposición dos servizos ferroviarios suprimidos pola pandemia, tanto nas conexións interiores como co resto do Estado, nomeadamente coas cidades de Barcelona e Madrid, e se ofrezan servizos acordes ao incremento da demanda por parte dos usuarios e usuarias. Así mesmo, pídese o incremento do cadro de maquinistas e a dotación do persoal necesario para estes servizos ferroviarios.
Durante a súa intervención, o deputado Luís Bará cuestionou a postura agora reivindicativa do PP cando se mantivo en silencio durante anos ante o que considerou “o maior ataque da historia ao ferrocarril galego”, o rexistrado na etapa de Mariano Raxoi á fronte do goberno central. “En 2013 suprimiron vostedes 104 trens e pecharon 40 estacións”, lembrou, polo que considerou que o primeiro que debería facer o grupo do PP é, en todo caso, pedir perdón. “O acto de cinismo é extraordinario, pasan da procesión dos Caladiños á do Santo Lamento coma se nada”, criticou o deputado nacionalista para concluír que o BNG nunca cambiou a súa posición e “defende e vota o mesmo aquí e en Madrid”.