BNG logra o acordo do Parlamento galego para a construción dun novo campo de fútbol en Chantada
O BNG logra o acordo do Parlamento galego para a construción dun novo campo de fútbol en Chantada despois de que o deputado, Iago Suárez, argumentase a imperiosa necesidade de ter outro campo ademais do municipal.
A iniciativa do BNG foi aprobada por unanimidade de todos os grupos con representación na Cámara malia a que o PP dubidase da súa uxencia. Suárez replicou que “quen coñece a realidade futbolística en Chantada sabe da imperiosa necesidade dun novo campo ademais do municipal do Sangoñedo, no que actualmente adestran e xogan dez equipos”. Asegurou que “esta é unha cuestión de consenso total na localidade” e que “non hai practicamente ninguén que se opoña a que se faga un novo campo”. É por iso que advertiu que “é o deber do Parlamento dar resposta a todo un concello que require que se actúe canto antes”.
O deputado nacionalista recriminoulle ao PP que “non é de proveito debater por debater e levar a contraria ao BNG por sistema” para incidir en que “esta é unha cuestión de necesidade total en Chantada” polo que lle reclamou o PP que “se dirixa á Xunta de Galiza canto antes e faga o seu traballo”. Ademais indicou que “é incrible que desde o PP non se puxesen en contacto co Concello de Chantada, no cal gobernan, e que teña que ser o BNG quen faga o seu traballo desde a oposición”.
Finalmente, Suárez advertiu ao PP que “agora que se toma este acordo no Parlamento estaremos moi atentos para que se cumpra. Non permitiremos que este acordo caia nun caixón e que quede aí, a poboación de Chantada merece un trato mellor por parte da Xunta”, rematou.