O BNG logra un acordo do Parlamento a favor da permanencia dos empregos de R na Coruña
02 de outubro de 2019 (16:13 h.)
Presas: “A Xunta ten que facer os seus deberes porque están en xogo 1.000 empregos na área metropolitana da Coruña”
O BNG logra un acordo unánime dos grupos do Parlamento a favor das demandas dos e das traballadoras de empresa R, para que todos os empregos permanezan en Galiza en lugar de ser deslocalizados a Euskadi como pretende Euskatel, actual propietaria da empresa de telecomunicacións.
O acordo impulsado polo BNG insta á Xunta a reunirse coa empresa e co comité para mediar e buscar unha solución que impida o traslado destes postos de traballo, dunha empresa que naceu facendo gala de galeguidade e que, a día de hoxe, mesmo corre o risco de quedarse sen traballadores en Galiza.
“Valoramos positivamente este acordo unánime e entendemos que é urxente que a Xunta se sente coa empresa e cos traballadores e traballadoras para buscar unha solución, porque a área metropolitana da Coruña non pode permitirse que máis de mil empregos estean en perigo e que podan acabar levándose fora os servizos dunha empresa que, ademais, naceu como galega. Continuaremos vixiantes e esixiremos que Xunta faga os seus deberes”, salientou a autora da iniciativa, a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas.