O BNG logra o acordo do Parlamento para erradicar as balsas de lodos ilegais de Sobrado dos Monxes
O BNG logra o apoio das forzas políticas do Parlamento, -e a abstención do PSOE-, para poñer fin ás balsas de lodos ilegais que, desde fai doce anos, soporta a veciñanza de Sobrado dos Monxes, acordo que tamén contempla a apertura dunha investigación ás empresas xestoras desas balsas que, en teoría, deberían albergar fertilizantes que cumprisen a normativa en vigor.
Deste xeito, prosperou a proposición non de lei presentada e defendida polo portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, quen na súa argumentación reclamou á Xunta poñer fin ás irregularidades no transporte, almacenamento e distribución de lodos de diferente procedencia e de partidas de produtos que pasan por ser fertilizantes pero sen cumprir a normativa vixente.
O acordo recolle a realización das analíticas pertinentes dos solos que estiveron recibindo eses lodos coma fertilizantes para saber o seu estado en canto a metais pesados e outras substancias perigosas posibles. Efectuar as inspeccións debidas á empresa responsable destes lodos, buscar a trazabilidade dos mesmos e contrastar con analíticas o tratamento que se lles deu antes de apareceren nas xa citadas balsas.
E, finalmente, comprobar se os lodos almacenados estaban tratados correctamente e se para o seu uso coma fertilizante se seguiron as pautas e protocolos que marca a lei.
“É necesario que se busquen os responsables deste desaguisado, que se poña orde e que a legalidade se impoña pero non se pode dar por rematado o problema cunhas analíticas dubidosas”, salientou o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, no debate da proposición non de lei.
O deputado nacionalista expresou o seu asombro polo feito que, pese a que hai que doce anos que a veciñanza de Sobrado dos Monxes soporta esta situación, non exista ningunha denuncia por parte de SEPRONA nin de ningún outro servizo de control e protección medioambiental.
Rivas denunciou a existencia de depósitos de lodos, moitos camuflados no entorno e dificilmente visibles, espallados polos montes dese concello non compren coas mínimas condicións esixidas e son utilizados coma almacenamento antes de ser repartido o seu contido coma suposto fertilizante entre algúns labrego, ademais de ubicarse a escasa distancia dos nacementos dos ríos Mandeo e Tambre.
Supostamente os lodos son fertilizantes rexistrados por Agroamb Prodalt, “pero as balsas clandestinas de Sobrado destapan un problema moi serio”, denunciou Rivas, así como deixa en evidencia a “inutilidade” das consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural.
A primeira porque “non é quen de controlar os lodos de depuración, os lixiviados dos vertedoiros e os refugallos dos dixestatos no traxecto que lle corresponde desde o lugar de emisión ata que chegan á planta de tratamento”. E a segunda, “porque lle corresponde a responsabilidade desde que os lodos chegan á porta de Agroamb en Castro de Rei”.
En Sobrado “todo era especial”, denunciou Rivas, “ás balsas clandestinas camufladas, chegaban lodos directamente das EDARs coas guías cambiadas polo camiño”. Cando estes feitos saltaron á opinión pública as balsas de lodos recollidas polos medios “as balsas sen impermeabilizar foron trasladadas nunha noite, o que tira por terra a teoría de que o seu contido era fertilizantes aptos para a actividade agrícola”, concluíu Rivas quen confía que este acordo poña solución a un grave problema ambiental.