BNG logra o acordo do Parlamento para activar a negociación dun convenio colectivo para as Fundacións Biomédicas galegas
O Parlamento galego aprobou unha moción do BNG para instar á Xunta a convocar de inmediato a mesa de negociación para acadar un convenio colectivo para as Fundacións Biomédicas galegas de investigación sanitaria que, logo de 20 anos de traxectoria, aínda carecen dun marco laboral propio, tal e como subliñou a deputada Montserrat Prado na defensa da iniciativa.
Prado lembrou que as tres fundacións -Fundación Biomédica Galicia Sur, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela- concentran a 500 profesionais “cuns dereitos baixo mínimos” e dos que o 90% contan cun contrato eventual. “Estase a punto de xubilar a primeira xeración de persoal investigador das Fundacións Biosanitarias sen ter accedido a un contrato estábel”, destacou.
A portavoz de Sanidade -que levou á Cámara as reivindicacións da Plataforma Galega de Traballadorxs de Investigación de Galiza na que se integran os comités de empresa das tres fundacións- considerou “imprescindible” rematar coa precariedade do colectivo e dignificar o seu labor porque “se non se coida ao persoal investigador non é posible dignificar a investigación. “Estamos falando de profesionais cunha alta cualificación con soldos ao nivel do Salario Mínimo Interprofesional”, recalcou para tachar a continuación de “insulto” unha situación que evidencia “o neoliberalismo elevado á enésima potencia”.
A deputada nacionalista recordou que o proceso negociador para o convenio colectivo comezaron hai ano e medio e quedaron adiadas polas eleccións ata a posterior constitución do Goberno galego mais, segundo indicou, “na práctica converteuse nunha paralización sine die das negociacións”. Neste sentido considerou inxustificada tanto a falta de resposta da Consellería de Sanidade ás reiteradas apelacións do persoal investigador, como a non convocatoria da mesa, logo de cinco meses da celebración da súa última reunión.
Así mesmo, Prado reclamou unha negociación “sen liñas vermellas” para acadar un “convenio digno e negociado con garantías”, máis tendo en conta que están acordados cinco capítulos pero quedan temas de máxima relevancia como a estabilidade laboral, o réxime retributivo e que o ámbito de actuación sexa aberto á totalidade das persoas contratadas a través das tres fundacións. Neste sentido, o acordo acadado no Parlamento galego tamén inclúe a designación para a negociación dun ou dunha representante da Consellería de Sanidade con capacidade de decisión.