O BNG logra o acordo da Cámara para defender o emprego en Ferroatlántica implicando a traballadores e concellos
O PP, en cambio, vetou a proposta para reverter as concesións do Xallas se a multinacional reduce postos de traballo nas factorías galega
O BNG logrou o apoio de todos os grupos da Cámara para sacar adiante a súa demanda de que a Xunta manteña un contacto permanente cos traballadores e coas traballadoras dos centros de Ferroatlántica en Galiza e coas corporacións municipais dos concellos afectados para defender o mantemento do emprego e da actividade produtiva.
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, tamén logrou sacar adiante pedir ao Executivo central o Estatuto para consumidores electrointensivos e esixir que non se aplique á industria e demais consumidores galegos o suplemento territorial ou, en todo caso, estes sexan asumidos polo Estado mentres non se resolvan os recursos pendentes. Esta última proposta prosperou pese á abstención do PSOE.
As propostas a favor do emprego en Ferroatlántica era máis amplas, pero foron podadas polo PP, freando a posibilidade de responder “a chantaxe” de Villar Mir facendo valer as concesións eléctricas cuxos termos a multinacional incumpre pese a obter cuantiosos beneficios da explotación dos saltos do Xallas.
“Desenvolver os informes e estudos necesarios para esixir, como titular das concesións hidroeléctricas do río Xallas, que Ferroatlántica garanta a viabilidade das plantas tanto en Cee-Dumbría como en Sabón, mantendo os postos de traballo, a actividade produtiva e os investimentos precisos para cumprir cos requisitos de cesión. De non cumprirse, a Xunta de Galiza comprométese a desenvolver o proceso de reversión destas”, reclamou a deputada.
Presas tamén se topou co veto do PP para esixir a retirada dun ERTE inxustificado que cualificou de “chantaxe e deslocalización encuberta de manual” e tamén encontro os votos en contra das filas populares para reclamar a reactivación inmediata dos fornos 13 e 14 da planta de Brens.
No debate parlamentario, o BNG instou ao Goberno de Feixóo a exercer como tal en defensa dos intereses da comarca da Costa da Morte e da Coruña fronte á chantaxe da multinacional, “a non ser que poñan por diante os intereses dun empresario, Villar Mir, implicado no financiamento ilegal do PP”, alegou Presas.
Presas denunciou a falta de investimentos da multinacional na súa planta de Brens “que máis parece unha factoría do século pasado”, pese aos beneficios que obtén explotando recursos públicos como as centrais e a mina de Serrabal.
“Estamos ante unha chantaxe de Ferroatlántica a Galiza a cuestión é se imos plantarlle cara ou non, a corrixir a actitude do PP e facer valer esas concesións que son a mellor ferramenta para frear a estratexia da multinacional de usar as centrais como as galiñas de ouro sen reverter nada na comarca”, recalcou Presas tras cualificar de “escapista” ao conselleiro de Industria, Francisco Conde: “Póñanse ao servizo da comarca da Costa da Morte e ao servizo do país”, concluíu.