O BNG levará os problemas medioambientais e de saneamento da ría de Foz ao Parlamento Europeo
A eurodeputada Ana Miranda critica a mala execución dos fondos europeos destinados a solucionar a contaminación da auga
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, comprométese a trasladar ao Parlamento Europeo os problemas medioambientais e de saneamento que sofre a ría de Foz desde hai varios anos, como outro exemplo dos incumprimentos da Directiva Marco da Auga. Así o manifestou no encontro que mantivo co vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o candidato do Bloque á Alcaldía, Francisco Xavier Fanego, así como con usuarios e usuarias das instalacións portuarias e representantes que desenvolven a súa actividade no porto e na ría.
“Para o Bloque a solución dos numerosos problemas de saneamento da auga que temos en Galiza é unha prioridade”, salientou Miranda, quen considera “inaceptable” o desleixo da Xunta e o goberno do Estado ao respecto, polo que defendeu asemade que este tema sexa trasladado tamén a Augas de Galiza e ao Parlamento Galego. “Percorrendo Galiza de norte a sur e de leste a oeste vemos que os vertidos e a contaminación son unha constante, e non porque non haxa fondos europeos para solucionalos, senón porque os fondos que hai non se executan”, denunciou a eurodeputada nacionalista.
Peche da ría ao marisqueo
“É especialmente alarmante o feito de que a ría leve un ano pechada para o marisqueo debido a presencia de fecais nas augas, o que impide traballar a mariscadoras e mariscadores de Foz e Barreiros”, denuncia Fanego, quen defende que é “primordial escoitar a todos os sectores cando existen problemas e comprometerse con solucións factibles e aplicables, fuxindo da demagoxia e respostas evasivas, que foi a actitude que veu mantendo a alcaldía de Foz nos últimos anos con este e outros problemas”.
Ao respecto, o candidato do Bloque á Alcaldía puxo en valor que no encontro con Ana Miranda participaran colectivos e asociacións coma A Ribeira, de pesca deportiva; representantes da Confraría de Pescadores de Foz, e de mariscadoras e mariscadores de Foz; o Club Náutico e o Club Kaiak Maresma, entre outros.