BNG levará ao próximo pleno os prezos abusivos do alugueiro e a parálise na construción de vivenda pública nos últimos 15 anos
Olalla Rodil acusa ao PP dificultar aínda máis o acceso á vivenda permitindo a “proliferación descontrolada” de pisos e casas destinadas a uso turístico
O Bloque someterá a votación a creación dunha comisión de investigación sobre as irregularidades na privatización e prórroga da concesión da AP-9
A viceportavoz primeira, Olalla Rodil, adiantou que os problemas no acceso á vivenda serán o tema central da batería de iniciativas que o BNG vai levar ao próximo Pleno do Parlamento, no que tamén se someterá a votación a creación dunha comisión de investigación sobre a AP9 ou a situación de deterioro e o déficit de persoal na sanidade pública de cara ao verán.
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitará a quenda de control ao presidente, Alfonso Rueda, para preguntarlle polas medidas que vai adoptar o Goberno galego para garantir o dereito á vivenda en Galiza, “toda vez que se ten convertido nun factor de exclusión social non só polos abusivos prezos do alugueiro senón tamén pola parálise absoluta do Executivo do Partido Popular nestes quince anos en política social de vivenda”, avanzou Rodil ao remate da Xunta de Portavoces.
A deputada nacionalista xustificou a relevancia da cuestión elixida polo BNG subliñando que en seis anos o prezo do alugueiro subiu de media no País un 30 %, e que a día de hoxe a poboación que vive nas cidades ten que dedicar 40 % do seu salario a pagar a renda do piso. Mentres, agregou, máis de 18.000 persoas “están esperando por unha das vivendas sociais protexidas que o PP non constrúe dende hai quince anos”.
“Así é imposible garantir un proxecto de vida digna, sobre todo para a mocidade”, censurou Olalla Rodil, quen se referiu tamén á proliferación dos pisos turísticos como outro dos motivos polos que cada vez é máis difícil o acceso a unha vivenda. “Unha das razóns polas que se está producindo esta emerxencia social en materia de vivenda é a proliferación de usos turísticos de moitos pisos e casas de maneira descontrolada por culpa do Goberno do PP na Xunta, que en vez de exercer con responsabilidade e rigor as súas competencias está autorizando a inscrición de vivendas de uso turístico no seu rexistro mesmo se non cumpren coas normas urbanísticas municipais”, denunciou.
Sobre esta cuestión, o BNG fará unha interpelación ao Goberno do PP, motivada “nun auténtico despropósito que vai en contra do dereito á vivenda e tamén do modelo turístico responsábel e sostíbel que debe imperar no noso País”.
A comisión de investigación sobre as irregularidades na privatizacion e prórroga da concesión da AP9 será outros de temas principais no Pleno, unha comisión coa que o BNG quere “pór luz e taquígrafos” sobre a xestión que o Goberno do PP, sendo José María Aznar presidente, fixo entre os anos 2000 e 2003.
Rodil referiuse, ao respecto, ás irregularidades sinaladas pola Comisión Europea até en dúas ocasións sobre a ampliación ilegal que o Goberno de Aznar fixo da concesión, “incumprindo a lexislación europea vixente”. Lembrou, ademais, a información que transcendeu recentemente a través do comisario do Interior da UE, en canto que “Aznar e o PP usaron a ampliación da concesión como mecanismo para maximizar o seu valor de mercado na posterior privatización”.
Ao lado de quen está Rueda?
“E dicir, o PP fixo que os galegos e as galegas paguemos as peaxes máis caras do Estado, única e exclusivamente para incrementar os beneficio das empresas concesionarias e iso é gravísimo porque pon en evidencia que o PP utiliza as institucións para popñerlas ao servizo dun puñado de empresas”, subliñou Rodil, engadindo que a vindeira semana “veremos de que lado se pon Rueda: se do lado das galegas e os galegos que temos dereito a coñecer a verdade e de que se investiguen as ilegalidades arredor a AP9 ou do lado do seu partido”.
A viceportavoz nacionalista adiantou, por outra banda, que o deterioro da sanidade será outro dos temas relevantes para o BNG no próximo Pleno, se ben lamentou que o PP se negase a engadir á comparecencia por petición propia do conselleiro a rexistrada polo BNG “para dar conta da situación de déficit de persoal no que se atopa o sistema público de saúde, o peche de consultorios e plantas de hospitalización no verán ou das medidas que van adoptar dende a Xunta para garantir a unha asistencia digna nos vindeiros meses”.
O PP négase a dar explicacións sobre o acordo da ABAU
Rodil criticou, por outra banda, o veto do PP á comparecencia do conselleiro de Educación para, tal e como reclamou o BNG, dar explicacións obre o “acordo político” asinado pola Xunta do PP respecto a Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU). Referiuse así ao acordo asinado polas comunidades do PP como unha mostra máis de como o Goberno de Rueda “prega o seu autogoberno ao servizo dos intereses do Partido Popular en Génova”.
“Galiza ten a competencia do 50 % do currículo académico precisamente por ser unha nación con lingua propia e non é de recibo que o autogoberno e a lingua deste País se poña a servizo de Génova e que o Goberno do PP renuncie a exercer as súas competencias que en materia educativa xa son pírricas”, denunciou.