O BNG levará ao Pleno do martes unha proposición de lei para suprimir as deputacións

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez,  defenderá no pleno que terá lugar este martes, 16 de abril, a proposición de lei do BNG que pide a modificación da normativa sobre Bases de Réxime Local para acometer a eliminación das deputacións provinciais.

O obxectivo: eliminar uns organismos “ineficaces e que duplican estrutura”

A deputada do BNG porá de manifesto que “estamos ante uns organismos ineficaces e que duplican a administración”. O BNG quere con esta propostas de modificación legal que sexan as autonomías as que artellen e asuman as competencias das deputacións provinciais, “a fin de posibilitar maiores niveis de eficacia na acción administrativa, ademais dunha utilización máis racional  dos  recursos públicos, sobre todo nestes tempos de crise cunha merma moi importante do financiamento nos concellos e nas CC.AA”.

Con esta proposición de lei, o BNG propón un paso para comezar co desmantelamento das deputacións provincias, de xeito que as CC.AA asuman as súas funcións até permitir acometer nun futuro a definitiva reforma constitucional para superar o modelo institucional provincial.

Rosana Pérez explicará que “a nosa iniciativa é un paso intermedio que posibilitará o traslado da maioría das funcións e servizos das corporacións provinciais a outras administracións, locais ou autonómicas”.