BNG levará ao Parlamento a transferencia de 35 novas competencias para Galiza tras 14 anos de seca do PP
Pontón denuncia que a falta de impulso do PP fai que Galiza quede atrás e propón abrir un tempo novo deixando atrás “o manual do centralismo”
Impulsará a axenda do autogoberno a través de dúas vías: o cumprimento do Estatuto tras 40 anos e competencias estatais que se poden transferir
A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou a proposición de non lei que o BNG levará Parlamento para reclamar o traspaso de 35 novas competencias para Galiza con dous obxectivos: dispoñer de máis medios para facerlle fronte á crise e impulsar o desenvolvemento económico.
“Despois de 14 anos de inacción do PP nos que non se adquiriu nin unha soa competencia, Galiza está perdendo posición e quedando atrás en poboación, en actividade industrial, en emprego, en servizos públicos… É evidente que non podemos seguir así e, ante a falta de resposta e de pulso do PP, no BNG queremos tomar a iniciativa” indicou Pontón.
Nun contexto marcado polas consecuencias da pandemia, a crise de prezos, o reto enerxético, a emerxencia climática, ou a crise demográfica, a líder do Bloque manifestou que “non podemos seguir co mesmo manual de instrucións que nos trouxo até aquí: o manual do centralismo, da submisión a Madrid; o manual da parálise, da inacción, da irrelevancia política que están facendo que Galiza non poida avanzar”.
Pontón urxiu a necesidade dun cambio de rumbo no que se dote ao País de todas as ferramentas políticas, económicas e orzamentarias para facerlle fronte con eficacia a todos estes novos retos e darlle a Galiza expectativas de futuro.
“No BNG consideramos prioritario dar un salto adiante asumindo novas competencias. Despois de 14 anos nos que o PP paralizou totalmente a axenda do autogoberno, nós queremos impulsala e poñela en marcha a través de dúas vías”, indicou a portavoz nacional.
A primeira delas fundaméntase no cumprimento do Estatuto conseguindo para Galiza todas as competencias que aínda están pendentes 40 anos despois da súa aprobación. “Isto abrangue o desenvolvemento da policía galega, a meteoroloxía, os arquivos, un ferrocarril interior galego, museos e bibliotecas...etc.”, puntualizou Pontón.
A segunda, ten que ver con competencias de carácter estatal pero que se poden transferir a Galiza a través do mecanismo previsto no artigo 150.2 da Constitución.
Novas competencias agrupadas en sete ámbitos
A través destas dúas vías, o BNG propón 35 novas competencias para Galiza a negociar na comisión mixta Xunta-Estado divididas en sete ámbitos de actuación.
A primeira das áreas sobre as que traballar pon no centro a ordenación do territorio e as infraestruturas, na que se inclúen transferencias como a autoestrada AP-9, aeroportos, portos de interese xeral, salvamento marítimo e ordenación do litoral e tráfico. A líder do Bloque quixo lembrar que “a competencia de tráfico, por exemplo, acaba de ser transferida a Navarra, e Euskadi e Cataluña xa hai décadas que a teñen”.
O segundo ámbito está relacionado con materia laboral, emprego e sanitario-asistencial. O BNG reclama que Galiza poida facerse cargo das inspeccións de traballo e seguridade social, a formación ocupacional e os servizos sanitarios e asistenciais a traballadores e traballadoras do mar.
“A terceira área pasa por obter competencias para ordenar a totalidade do sistema educativo galego, as bolsas de estudo e a transferencia dos centros de investigación que teñen a súa sede en Galiza” manifestou Pontón.
A cuarta das áreas estaría relacionada cos sectores produtivos incluíndo a inspección pesqueira, os seguros agrarios ou os paradores de turismo.
O quinto lugar ocúpao a enerxía. “Neste sentido propomos que sexa Galiza quen teña que autorizar todos os proxectos de produción de enerxía que se sitúen no País”, indicou. Ademais disto, tamén formarían parte desta área as redes básicas de gas e oleodutos que transcorran polo territorio galego ou a supervisión e control de refinarías e almacéns de hidrocarburos radicados en Galiza.
A sexta área está relacionada co ámbito institucional. Pontón quixo destacar que “é imprescindible ter presenza en entidades de carácter estatal con importantes funcións en Galiza como o Banco de España, a Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA ou os órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo no noso territorio”. Solicitarase tamén o traspaso de instalacións e espazos pertencentes ao Ministerio de Defensa como Illa de Tambo, castelos militares, hospitais, baterías de costa, vivendas, ou institucións penitenciarias.
Finalmente, a sétima área está relacionada coa lingua, a cultura e o patrimonio. A través dela solicitaranse competencias relacionadas co fomento da industria cinematográfica e audiovisual galega e dos arquivos, bens e fondos documentais, culturais e históricos, que estean espallados en diversas institucións e organismos do Estado.
Cero transferencias en 14 anos de goberno do PP
Pontón aproveitou a ocasión para lembrar as palabras de Rueda no 2009, nas que facía alusión a que “por culpa do bipartito Galiza non ten nin policía autonómica, nin competencias en materia de tráfico. Galiza non conta con competencias policiais propias, a diferencia do que acontece en Cataluña, País Vasco e mesmo Navarra O bipartito só conseguiu 14 traspasiños de asuntos menores”.
“Cal é o balance do Señor Rueda catorce anos despois? Cero novas competencias”, concluíu.