O BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para incrementar o servizo de ambulacias no sur de Lugo
A área sanitaria de Monforte é a única que non conta cunha ambulancia medicalizada
Os profesionais levan tempo demandando a mellora do servizo de ambulancias que ten solo 3 repartidas en Chantada Monforte e Quiroga
A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, anunciou que o BNG demandará, no Parlamento Galego, un incremento no número de ambulancias para o sur de Lugo. Rodil sinalou “como un feito grave” a ausencia dunha ambulancia medicalizada na área sanitaria de Monforte e lembrou que os profesionais levan tempo demandando a mellora do servizo de ambulancias que ten solo 3 repartidas en Chantada Monforte e Quiroga.
Segundo explicou Rodil “os concellos do sur da provincia de Lugo contan na actualidade cun servizo de emerxencias sanitarias 061 absolutamente deficiente para atender as necesidades do conxunto da poboación que habita no extenso territorio que comprende”. No concreto, existe unha única ambulancia de garda en cada quenda de traballo en Monforte, outra en Chantada e unha máis en Quiroga, ningunha delas medicalizada.
O pasado 24 de xaneiro a vila de Monforte un veciño que circulaba co seu vehículo pola rúa Chantada comezou a convulsionar o que provocou a saída do coche da estraza atravesando a mediana. Camiñantes e condutores socorrérono dando aviso ao 061. Porén, non había ningunha ambulancia dispoñíbel. A de garda en Monforte dirixíase ao Hospital de Ourense cun traballador do balneario de Pantón que sufriu un accidente laboral e a de Chantada atopábase de volta desde o HULA polo que o centro de coordinación decidiu enviar unha desde Ourense.
A única área de Lugo sen ambulancia medicalizada
A área sanitaria de Monforte é a única da provincia de Lugo que non conta cunha ambulancia medicalizada que si teñen Lugo e A Mariña. Así pois, as bases de Monforte, Chantada e Quiroga contan só con vehículos de soporte vital básico. Cómpre sinalar que falamos dun territorio extenso e orograficamente moi complexo. “Por exemplo, a base de Chantada ten que asumir Carballedo, Chantada e O Saviñao, o que complica moito máis os tempos de desprazamento e resposta” sinalou Olalla Rodil.