O BNG levará ao debate do estado da nación a “Galiza real” que Feixóo tapa con propaganda
Olalla Rodil: “Esperamos que non veña ao Parlamento a esconderse detrás de Catalunya ou a darnos a súa versión do discurso de Pablo Casado”
O BNG utilizará o debate do estado da nación para falar da “Galiza real” e analizar cal é a situación do país e dos galegos e galegas tras unha década de Goberno de Feixóo na Xunta.
“Levaremos ao debate a Galiza Real, esa que Feixóo se empeña en sepultar baixo propaganda e publicidade, abordaremos os problemas reais, da Galiza real”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “das persoas desempregadas, das traballadoras e traballadores en precario que ven como todo sube menos os seus salarios; das persoas xubiladas, que cobran as segundas pensións máis baixas do Estado; dos dependentes que non reciben a prestación que lles corresponde e do conxunto da cidadanía tras dez anos de desgoberno de Feixóo”.
“Queremos que Feijóo se mire no seu propio espello e vexa as consecuencias reais das súas políticas porque teñen nomes e apelidos”, salientou Rodil, quen espera que o presidente da Xunta “non se intente esconder detrás de Catalunya, nin veña ao Parlamento a para colocarnos a súa versión do discurso de Pablo Casado, ni a sacar coellos da chistera para conseguir un titular de prensa”.
A viceportavoz parlamentaria do Bloque instou ao xefe do Executivo a que demostre a súa preocupación pola subida de impostos empezando por baixar os que el subiu en bens básicos. “Que suprima as subidas que impuxo nos carburantes, que fan que Galiza, tendo unha refinería na Coruña, pague o gasóleo e a gasolina máis caras do Estado”, declarou. E se tanto lle preocupa o incremento de servizos básicos, “que se sume á proposta do BNG da tarifa eléctrica galega e a pedir un IVE superreducido do 4%”.
“Esas si son medidas concretas que permitirían contrarrestar a carga que supón para as familias pagar a factura de servizos básicos como luz ou carburantes, que non deixa de medrar”, alegou.
Rodil destacou que o Bloque vai ao debate do estado da nación “con vontade construtiva, poñendo alternativas aos problemas deste país e da maioría social”. Neste sentido, avanzou que presentará 40 propostas de resolución que, en trazos xerais, xiran arredor de tres grandes bloques: Benestar social, avanzar nun novo marco que dote de poder económico e poder político a Galiza e calidade democrática.
Entre as propostas en materia de benestar social, reclamar os 186 M€ que debe o Estado en dependencia, incrementar as pensións máis baixas en 100 euros mensuais e un salario de inserción laboral equivalente o SMI. Na segunda cuestión, avanzar nun novo marco institucional, con dúas propostas concretas: novo modelo de financiamento, -concerto económico-, e abrir unha ponencia parlamentaria para avanzar no autogoberno real.
En relación á calidade democrática, avanzar na recuperación dos dereitos laborais, conseguir unha radio e televisión públicas de todos e todas, “para que deixe de ser o aparello de propaganda do PP”, e traballar na aplicación da memoria histórica, incluída a recuperación do Pazo de Meirás.