O BNG levará ao Congreso dos deputados o “Plan Retorna” para que a mocidade teña futuro no país
O BNG reclama unhas políticas sociais que poidan permitir que a mocidade emigrada volva á terra.
O candidato do BNG ao Congreso dos Deputados por Ourense, Iago Tabarés, mantivo un encontro con mocidade da capital de provincia onde puideron intercambiar visións de futuro da mocidade. Tabarés focalizou a súa intervención na reivindicación dun plan específico para a volta da mocidade ao país: o Plan Retorna.
Nun primeiro momento, Iago Tabarés mostrou o seu apoio á cabeza de lista polo BNG ao Congreso por Pontevedra, Carme Da Silva, tras sufrir unha nova pintada ameazante no seu edificio. O candidato por Ourense instou a que o resto de forzas políticas decidan condenar este tipo de actitudes.
Após enumerar as problemáticas que sofre a provincia en materia demográfica, co avellentamento da poboación e a perda de habitantes, o candidato do BNG amosou algunhas das medidas que levará a formación nacionalista ao Congreso en Madrid. “Temos que evitar que continúe esa emigración e facer que as mozas e mozos que marcharon, poidan volver á terra” apuntou Tabarés.
“Hai que formar a cidadáns e profesionais, mediante a derrogación da LOMCE a transferencia a Galiza da xestión e concesión de bolsas baseándose nos criterios socieconómicos de Ourense” sinalou o candidato. Asemade, apuntou tamén o incremento do financiamento nas universidades públicas acadando 1.5% do PIB para evitar o proceso de privatización das mesmas.
No ámbito laboral, o Plan Retorna conta co “apoio ao emprendemento xuvenil, especialmente nos sectores emerxentes e o establecemento dunha remuneración equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional nos contratos de prácticas e formativos”. Iago engadiu a “creación de Bolsa de Vivenda pública en alugueiro orientada á mocidade, constituído, en parte, polos activos inmobiliarios da SAREB en Galiza, cuxa transferencia reclamarase unha vez que esteamos no Congreso dos Deputados”.
“Precisamos a instauración do Plan Retorna dedicando o 1% do orzamento destinándoo ao retorno dos mozos e mozas emigrados. Incentivando ás empresas para que contraten á mocidade emigrada, especialmente investigadores - principal foco de emigración durante a crise e anos posteriores na chamada denominada fuga de cerebros" destacou Tabarés durante a xuntanza.
“O voto útil, como se pode apreciar, é o voto ao Bloque Nacionalista Galego xa que somos garantía da fin deste proceso recentralizador dos dereitos cívicos e sociais e preocúpannos os e as ourensáns” finalizou Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso por Ourense.