O BNG leva ao Parlamento a situación d@s traballador@s e e d@s client@s afectados polo peche de Motorkar
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, presentou unha batería de iniciativas na Cámara para buscar a implicación do Goberno galego e do Instituto Galego de Consumo (IGC) en relación a situación que sofren os traballadores e traballadoras así como a clientela, tras o peche da empresa Motorkar, concesionaria oficial de Opel para a zona de Ferrolterra, Eume e Ortegal, con instalacións nos concellos de Ferrol e Cabanas.
Na proposición non de lei presentada por Presas apélase á “gravísima” situación das 22 persoas despedidas ás que a empresa debe varios meses de salarios e ás 40 persoas clientes que adiantaron cartos, -até 28.000€-, para a adquisición dun automóbil, sen que a concesionaria lles entregue o vehículo adquirido.
A esta situación hai que engadir o papel da Opel e da súa financeira Cetelem, que non se corresponsabilizan do ocorrido pese a que poderían retirar os automóbiles das persoas afectadas das instalacións da empresa pechada para cobrar os créditos pendentes.
"A xestión de Motorkar non se pode cualificar doutro modo que como temeraria. As dificultades económicas de empresa eran coñecidas polos seus xestores desde hai máis dun ano, o que non lle impediu seguir tomando anticipos para compra e matriculación de vehículos continuando a súa actividade como si nada sucedera, deixando de pagar aos traballadores e aumentando o número de persoas afectadas ao vender automóbiles sabendo que nunca os podería entregar", denuncia Presas.
Neste contexto, o BNG insta á Xunta a tomar as medidas necesarias para favorecer unha solución satisfactoria para o persoal do concesionario, intercedendo para que cobren os salarios pendentes. Igualmente pide a intervención do IGC para asesorar á clientela afectada así como a iniciar a correspondente investigación para acelerar a entrega dos automóbiles ou a devolución das cantidades adiantadas.
Igualmente, demanda da compañía Opel que asuma a súa responsabilidade e colabore nunha solución satisfactoria.