O BNG leva á Parlamento as deficiencias en oncoloxía pediátrica do CHUS que denuncian país e nais
Montse Prado pide aumentar as habitacións destinadas a ingresos para nen@s inmunodeprimidas e salas de espera acordes a gravidade da doenza
O BNG traslada ao Parlamento as queixas formuladas por pais e nais polas deficiencias detectadas no servizo de oncoloxía pediátrica do CHUS, tras as denuncias que lle fixeron chegar proxenitores de nenos e nenas que sofren esta doenza.
As denuncias presentadas polos familiares de menores ingresados no CHUS poñen en evidencia a situación do servizo en aspectos que afecta ao mantemento do material, á limpeza, a carencia de habitacións en xeral e de illamento en particular, o que consideran un grave risco para a saúde dos e das nenas en especial para os e as menores inmunodepremidas.
Entre as denuncias: material está estragado que non se repón, camas nas que dá o sol directo e nas ventás non se pode regular a luz, mandos eléctricos das camas que non traballan, colchóns rompidos, buratos nas duchas, mesas de apoio esnaquizadas e oxidadas, cadeiras-sofá rompidas, armarios cotrosos, roupa da cama con buratos e remendos figuran entre as queixas presentadas.
A estas deficiencias, os país e nais de menores ingresados engaden que non existe ningún espazo común específico para oncoloxía pediátrica, pese ás longas estadías dos e das nenas doentes. Igualmente, o tempo de espera para as consultas externas superior as tres horas, porque se cita a todos os nenos e nenas ao mesmo tempo, o que resulta un martirio para os menores.
Entre as denuncias máis graves, a portavoz de Sanidade, Montse Prado, considera a insuficiencia de habitacións para ingresos de inmunodepremid@s, con só catro habitacións de illamento polo que é habitual que cheguen nenos e nenas sen defensas que teñan que estar esperando horas na sala de curas, sen as condicións necesarias para este tipo de doentes co risco que isto supón de coller calquera virus.
“A situación chegou a tal gravidade que hai uns días o alicatado do baño dunha habitación na que estaban nenos e nenas en illamento caeu e procedeuse á súa reparación sen sacar aos menores da habitación, con todo o que supón a obra de po e entrada e saída con materiais”, indicou Prado, quen concorda cos pais e nais en que “as carencias e irregularidades moi graves que se acaban de relatar só se van superando polo bo facer do persoal”.
O BNG ve moi grave a situación que se denuncia nun servizo cunha patoloxía tan sensíbel como é a oncolóxica cando se trata de menores”, polo que considera urxente solucionar a situación, o que motiva as proposicións non de lei presentadas pola forza nacionalista no Parlamento.
Iniciativas nas que propón ao Goberno da Xunta realizar de inmediato todas as accións precisas para dimensionar a área de oncoloxía pediátrica do CHUS. En especial, aumentar o número de habitacións da área, o número de habitacións para illamento de doentes, dotar a área dunha zona común equipada, repoñer todo o material deteriorado e mellorar a limpeza da mesma.
Igualmente, e para mellorar a estadía dos menores cando acoden a consulta externa no servizo, habilitar unha sala de espera cun nivel de confortabilidade acorde á gravidade da patoloxía e aos elevados tempos de espera, a empezar por cadeiras axeitadas e en número suficiente, e dispensar almorzos ou outras dietas aos menores que o precisen nun espazo protexido, sen que se vexan obrigados a ir á cafetería.