BNG leva de novo ao Congreso a intervención pública en Alcoa
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia que na próxima terza feira (día 11) defenderá unha Proposición Non de Lei na Comisión de Industria da cámara baixa para concretar un calendario para a intervención pública de Alcoa e evitar o fechamento da factoría e o despedimento de millares de traballadores e traballadoras. Ante a falta de solución no período previsto e o crecemento da incerteza entre o persoal de Alcoa, a organización nacionalista reclama ao Goberno español que se implique para evitar o desastre social e económico que suporía a desaparición da planta de aluminio para a comarca da Mariña e o conxunto da Galiza.
Néstor Rego lembra que o Congreso xa instou o Goberno no mes de outubro do pasado ano a intervir a planta -mesmo que fose temporalmente- para garantir a continuidade da actividade. Unha vez quer finalizou o período estabelecido para negociar coa empresa e posíbeis compradores sen que se producise unha solución, é máis necesaria do que nunca unha actuación decidida por parte das administracións públicas.
“Non achamos responsábel a actitude do Ministerio de Industria de pretender que a partir de agora sexa exclusivamente Alcoa e as empresas interesadas as que negocien, renunciando ao papel que lle corresponde, non só como mediador senón como administración que pode intervir a planta para asegurar unha solución definitiva”, sinala o deputado nacionalista, que exixe aos negociadores ministeriais transparencia e axilidade e acrecenta que a SEPI ten que xogar un papel fundamental neste proceso.
Rego, que mantivo unha reunión co Comité de Empresa e con representantes das auxiliares na pasada quinta feira (día 29) en San Cibrao, defende que tras a intervención pública “sería bon que a SEPI mantivese unha participación importante, no mínimo de 25%, na factoría para garantir un proxecto industrial solvente, estábel e con futuro; igual que debería facer o Goberno galego”.
O deputado do BNG trasladará á Comisión de Industria do Congreso a preocupación do persoal da planta e da veciñanza da Mariña pola prolongación da situación de provisionalidade sen que se albisque unha solución para reclamar o apoio das forzas políticas a unha resolución que force o Goberno a actuar. “Non é admisíbel que o Goberno español pretenda colocarse a un lado nesta situación. Fica claro que calquera solución de compra-venda ten que pasar pola SEPI e non se pode demorar máis. É preciso evitar que poida acontecer na Mariña o que pasou en AluIbérica”, sinala Rego.