O BNG leva a eurocámara iniciativas a favor do Pobo Saharauí ante a escalda de represión de Marrocos

Ana Miranda e representantes Saharauís
Miranda advirte que o nomeamento de Borrell como responsable de Asuntos Exteriores da UE sería “moi prexudicial” para a causa Saharauí
A portavoz do BNG en Europa e coordinadora da área de Internacional, Ana Miranda, mantivo un encontro coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), co delegado da Fronte Polisario en Vigo e coa presidenta da Asociación Galega de Amigos do Pobo Saharauí, Maite Isla, para trasladarlles todo o apoio da formación nacionalista ante a situación de represión que se está vivindo nos territorios ocupados do Sáhara Occidental, tras a morte dun activista e o acoso ás persoas que loitan pola defensa deste pobo.

Neste contexto, o Bloque pide ao Goberno do Estado que abandone a súa “actitude morna” con Marrocos tendo en conta “a situación de inxustiza social que se vive no país, que se traduce en mobilizacións e nun clima de moita inestabilidade política que o propio monarca marroquí veuse obrigado a recoñecer admitindo a situación de tensión e desigualdade social no país, un feito sen precedentes”, salientou a portavoz do Bloque en Bruxelas.

Miranda confirmou na xuntanza a total disposición do BNG a seguir defendendo e dando visibilidade á causa do pobo saharauí tamén en Europa onde, avanzou, presentará novas iniciativas ao que se suma a súa presenza no inter-grupo de Apoio ao Pobo Saharauí no Parlamento europeo para trasladar todas as iniciativas que podan axudar á causa deste pobo. Por exemplo, en relación ao acordo de pesca entre Bruxelas e Marrocos, o Bloque volverá defender que se teña en conta á Fronte Polisario.

De feito, a través do Grupo Verdes-ALE, do que forma parte o Bloque na Eurocámara, remitiu unha carta a Alta Comisionada de Asuntos Exteriores da UE, Federica Mogherini, para que tome cartas no asunto en relación á escalada de represión que afecta ao pobo saharauí. Neste sentido, Miranda advirte que o posible nomeamento de Josep Borrell como responsable de Asuntos Exteriores do Executivo comunitario “sería unha moi mala nova para a causa deste pobo, tendo en conta a actitude de deixar facer que o Estado español ten con Marrocos, tamén baixo o actual goberno de Pedro Sánchez”, conclúe.