senado

BNG leva a debate no Senado impulsar o convenio colectivo de Navantia: “máis dereitos e mellores salarios”

Carme da Silva

Carme da Silva defenderá trasladar á mesa de negociación do convenio unha posición favorábel para mellorar as condicións laborais e salariais dos e das traballadoras

A última das tres iniciativas impulsadas polo BNG dentro das institucións para o impulso de Navantia debaterase a vindeira quinta feira na Comisión de Traballo e Economía Social

Redución da xornada anual, o estabelecemento dun sistema obxectivo de promoción profesional, recuperación do poder adquisitivo incorporando como indicador o IPC ou permitir a xubilación anticipada aos 61 anos: son as principais cuestións

A senadora do BNG, Carme da Silva, leva a debate e votación na Comisión de Traballo da cámara alta unha iniciativa para que o Goberno do Estado lidere a negociación do convenio colectivo de Navantia e camiñe en favor da mellora das condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras. A moción do BNG, enmarcada nunha serie de iniciativas rexistradas e debatidas na cámara galega e nas Cortes do Estado, será discutida o vindeiro xoves e buscará o apoio do resto de grupos para promover a redución da xornada anual, o estabelecemento dun sistema obxectivo de promoción profesional, a recuperación do poder adquisitivo incorporando como indicador o IPC ou permitir a xubilación anticipada aos 61 anos, entre outras cuestións.

“O Goberno debe contribuír a desbloquear e impulsar o convenio colectivo e ir en favor da mellora das condicións laborais e salariais das traballadores e traballadoras de Navantia” defende a senadora do BNG. Carme da Silva lembra que a situación é insostíbel como demostra o feito de levar 2 anos e 8 meses coa negociación dun convenio coa transcendencia económica e social que ten o convenio de Navantia. “Unha empresa moderna, produtiva e competitiva que precisa dun convenio que regule as relacións laborais cara a esas coordenadas” subliña.

Ante esta situación, a organización nacionalista leva a debate unha iniciativa instando o Goberno do Estado a trasladar á mesa de negociación do convenio colectivo de Navantia unha posición favorábel ás materias como “a redución da xornada anual, a homoxeneización de todos os conceptos variábeis nos grupos profesionais, á eliminación dos niveis salariais de entrada introducidos no último convenio, á homologación e obxectivación dos conceptos salariais variábeis, ao estabelecemento dun sistema obxectivo de promoción profesional eliminando a arbitrariedade...”.

Idade de xubilación anticipada aos 61 anos: reivindicación prioritaria para o BNG

De entre os puntos resolutivos que defende o BNG na súa moción, Carme da Silva destaca a necesidade de estabelecer un sistema de xubilación anticipada que permita a saída do persoal aos 61 anos, coa reposición deste persoal. “Primeiro, pola dureza do sector da construción naval e, segundo, porque non hai ninguén coñecedor da situación deste sector que non estea a favor de que se deba adiantar a idade de xubilación” argumenta a senadora do BNG.

“Hai que procurar formas de adiantar a xubilación polo que defendemos que se faga mediante a vía de coeficientes redutores porque iso afectaría a todo o persoal do sector naval, principal e auxiliares. Mais, introducir o sistema da xubilación anticipada parécenos un avance importante nese camiño” reforza da Silva.

Plan industrial, reparto xusto e, agora, desbloquear o convenio colectivo

Esta iniciativa forma parte das tres impulsadas polo BNG dentro das institucións onde ten representación para instar as administracións competentes e, neste caso, sobre todo ao Goberno do Estado.

A primeira, aprobada no Congreso, defendida polo deputado do BNG que procuraba un reparto xusto das novas incorporacións de persoal a Navantia. “O obxectivo é que o principal centro de traballo, Navantia Ría de Ferrol, non saíse prexudicado no reparto por centros das novas contratacións e incorporacións” afirmaba Néstor Rego.

A segunda, promovida no Parlamento de Galiza polo deputado nacionalista Fernández Alfonzo, acadou un acordo da cámara galega para impulsar un plan industrial que permitira ampliar a carteira de negocio de Navantia Ría de Ferrol, así como mellorar e modernizar as súas instalacións para facelas máis competitiva.