O BNG leva o caso de Silvia Casal ao Congreso e denuncia a gravísima violación dos seus dereitos

O Bloque Nacionalista Galego vai levar ao Congreso dos Deputados o caso de Silvia Casal Sabín, unha cidadá galega á que o Estado lle aplicou unha lexislación de excepción, con grave violación dos seus dereitos humanos, con negación mesmo do habeas corpus, e que finalmente foi posta en liberdade sen cargos.

O BNG pedirá explicacións ao Ministerio de Interior pola violación dos dereitos desta persoa e demandará que se depuren as oportunas responsabilidades.

Na indefensión máis absoluta

Non estamos ante un feito aillado. Comeza a ser un hábito a aplicación dunha lexislación suspensiva das garantías individuais e dos dereitos humanos que é máis propia de Estatos totalitarios do que de Estados democráticos. Deixa na indefensión máis absoluta a persoas que son incomunicadas durante horas –neste caso 36- sen ningún tipo de protección legal nin asistencia xurídica. Persoas que con demasiada frecuencia acaban sendo postas en liberdade sen cargos ou absolvidas de toda culpa.

Estamos ante unha lexislación propia de Estados totalitarios ao non asegurar as garantías individuais e os dereitos humanos máis elementais

O desenlace deste caso, a posta en liberdade sen cargos, pon de manifesto que estamos ante unha lexislación absolutamente inaceitábel en democracia ao producirse un dano á persoa absolutamente irreparábel.

Imponse, portanto, a derrogación das normas legais que dan amparo a actuacións por parte dos poderes do Estado tan desproporcionadas e tan irrespeituosas cos dereitos máis elementais –entre eles, o dereito á presunción de inocencia, o dereito á honra- das persoas.