O BNG leva a Bruxelas unha delegación para que as denuncias sobre a contaminación da Mina do Touro queden abertas na Eurocámara
“O compromiso do BNG coa paralización deste proxecto mineiro, a través do grupo Verdes-ALE, é firme e inequívoco”, subliña Miranda, quen salienta o traballo desenvolvido para que este tema sexa incluído na axenda da Comisión de Peticións do próximo 12 de novembro. Así, a portavoz do Bloque en Europa explica que a delegación que se desprace a Bruxelas manterá unha reunión de traballo coa eurodeputada dos Verdes-ALE Tatjana Ždanoka, vicepresidenta da propia Comisión de Peticións.
Para Ana Miranda é fundamental que os problemas de contaminación que se producen pola megaminería se escoiten en Europa. “Parécenos lamentable que o goberno galego non faga nada ao respecto, tendo en conta que a ampliación da mina orixinal, ademais de xerar contaminación e acumulación de residuos, provoca interferencias negativas con outras actividades económicas da zona”, sinala, en referencia ao prexuízo que terían as pequenas explotacións agrícolas e gandeiras, así como os ríos, os mananciais da zona e a ría de Muros e Noia.
Visita a Galiza
Como seguinte paso, a portavoz do BNG en Europa tamén considera imprescindible que unha misión oficial do Parlamento Europeo visite Galiza para analizar as consecuencias da megaminería contaminante. Ao seu xuízo, esa misión oficial de eurodeputadas e eurodeputados debería coñecer de primeira man a contaminación que se produce na ría de Muros e Noia como consecuencia dos verquidos da mina de San Finx (que foi tratada hai un mes na Comisión de Peticións) e os problemas do río Ulla e os seus afluentes, consecuencia dos verquidos que se producen en Touro, así como outras denuncias en todo o territorio galego, xa que se trata dun “problema sistémico”.