BNG leva ao vindeiro pleno o “espolio eléctrico”, a transferencia da AP-9, as sancións a Monbus e Alsa e o traspaso de recursos públicos á sanidade privada
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou que o BNG levará ao pleno, entre outros asuntos o espolio eléctrico”, a transferencia da AP-9, as sancións a Monbus e Alsa por irregularidades no transporte público de Galiza e o traspaso de recursos públicos á sanidade privada.
Ademais, o BNG, dixo, pedirá a “reprobación e cese inmediato” do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo por vulnerar os dereitos dos traballadores e traballadoras e utilizar o medio publico para beneficiar ao Partido popular.
Tras a Xunta de portavoces, Rodil enumerou as diversas iniciativas que defenderá o BNG entre as que salientou a pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ao presidente da Xunta sobre “o espolio eléctrico” en Galiza e que medidas vai aplicar para evitalo. Neste liña, explicou que o “ Partido Popular leva desde 2009 traballando para defender os intereses das empresas eléctricas e en contra dos galegos e das galegas”. Primeiro, dixo, tombaron o decreto eólico do bipartito, que si contemplaba a participación pública e o PP utilizouno no ano 2009 como “ariete” electoral dun Feijóo que se abrazou, literalmente, a Iberdrola na noite electoral.
O PP continuou cunha política contraria aos intereses galegos e mesmo chegou a “perdoar cartos ás eléctricas“ permitindo que non pagasen polos plans industriais, “Só Greenalia deixou de pagar máis de 17 millóns de euros ás arcas públicas” e o Partido popular vetou a comisión de investigación e no Parlamento continúa ocultando información sobre esta cuestión, recalcou.
Por outra banda, engadiu a nacionalista, “impulsaron un canon eólico que cada ano recada menos, que cobra por muíño e que agora que os parques eólicos son de menos muíños pero máis potencia, non queren gravar a potencia”.
Rueda anuncia unha empresa pública privada de enerxía
Olalla Rodil criticou que o Partido popular leve anos negándose a calquera forma de participación pública e votando sistematicamente en contra da proposta do BNG de crear “unha empresa pública de enerxía” pero agora o propio presidente da Xunta anuncia a creación dunha empresa público-privada sen explicar se a Xunta terá participación maioritaria ou minoritaria e da que nin sequera existe un borrador.
Estamos diante dunha cuestión fundamental, de primeira orde, para o presente e futuro de Galiza. No BNG temos claro que as galegas e galegos merecen, merecemos menos “pitorreo” e sobre todo, menos propaganda e máis seriedade e rigor.
Transferencia da AP-9
Outro dos asuntos que defenderá o BNG é o referido a transferencia da AP-9 coa proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego en tramitación no Congreso dos deputados.
Nesa tramitación que se leva dilatando no tempo , PP e PSOE presentaron emendas que ameazan con facer descarreirar, unha vez máis, a proposición aprobada de xeito unánime na Cámara galega.
Defenderemos no Pleno unha Proposición non de lei na que “instamos aos grupos políticos con representación no Congreso a que apoien o texto da proposición de lei de transferencia da AP9 nos termos votados de xeito unánime polo Pleno da Cámara galega”.
Interpelacións a Ethel Vázquez e Julio Comesaña
Ante o veto Partido Popular ás solicitudes de comparecencia que formulamos dende o BNG interpelaremos á conselleira de Infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez e o conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña.
Rodil cualificou de “auténtico escándalo”, o Plan de Transporte público de Galiza, sobre o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordenou incoar un expediente sancionador ás empresas Monbus e Alsa por irregularidades. O Goberno do Partido Popular afirmou Rodil “non pode seguir mirando para outro lado” como leva facendo dende hai anos.
Dende o BNG tamén interpelaremos ao conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña sobre a transferencia de recursos públicos á sanidade privada mentres “achican a sanidade pública”.
Rodil concluíu a súa intervención afirmando que “A saúde das galegas e dos galegos é un dereito, non un negocio”.