O deputado do BNG, Luís Bará, avanzou que o BNG centrará o vindeiro pleno previsto para o 7 e 8 de marzo en asuntos que afectan gravemente á cidadanía galega: a actual situación sanitaria, os problemas derivados da diminución marisqueira, o risco da implantación eólica mariña na costa galega e acadar maiores cotas de igualdade entre homes e mulleres.
Incremento do 25% para a Atención Primaria
Na súa intervención, tras a Xunta de Portavoces para elaborar a orde do día, Bará afirmou que o BNG “non vai abandonar a defensa dunha sanidade pública de calidade” fronte ao continúo “desmantelamento” e “deterioro” sanitario provocado por 14 anos de goberno do Partido popular. Neste sentido, sinalou que o BNG defenderá “unha proposición de lei” para incrementar o financiamento en Atención Primaria até o 25% desde o 12% actual. Os investimentos en AP, afirmou , “son insuficientes” para o funcionamento da base do sistema sanitario público e Galiza é unha das catro comunidades do Estado co “gasto público máis baixo”.
O incremento que propoñemos, recalcou, permitiría contar con máis persoal e pediatras e frearía o actual “o colapso” sanitario.
A maiores, engadiu, tamén levamos ao vindeiro pleno unha proposta sobre as listas de agarda en Atención hospitalaria e reclamaremos á Xunta que faga públicas as listas estruturais e non estruturais e as derivacións a centros privados.Baixa produtividade marisqueira nas rías galegas
Dende o BNG consideramos que o sector do mar está a atravesar un dos seus peores momentos por mor das decisións da U.E sobre a pesca de arrastre e a aprobación do goberno central da eólica mariña. A todas estas circunstancias, dixo, temos que sumar a “baixa produtividade marisqueira nas rías galegas”.
A respecto da eólica mariña, explico que o BNG , defenderá unha iniciativa dirixida ao goberno central para “prohibir” a instalación de parques eólicos na costa galega e no Cantábrico Noroeste pola súa afectación sobre o fondo mariño e actividade pesqueira.
Por outra banda, trasladaremos á Cámara galega a preocupación pola diminución da produción marisqueira que nalgunhas rías supera o 42% e perdas económicas moi alarmantes. Os efectos sobre as rías son produto da baixa salinidade por chuvias e riadas polo que pediremos un estudo para analizar as causas ademais de habilitar, por parte da Xunta, “medidas compensatorias”.
Pontón preguntará a Rueda polas medidas contra a discriminación sociolaboral das mulleres
Luís Bará adiantou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta pola situación sociolaboral das mulleres e as medidas previstas polo goberno contra a discriminación nesta materia. Ante a proximidade da celebración do 8 de marzo e necesario seguir denunciando “o incremento das desigualdades” a consecuencia das sucesivas crises, sanitaria e económica nas que resultan máis afectadas as mulleres.
O nacionalista remarcou que no recente informe elaborado pola CIG sobre a situación laboral das mulleres, os datos constatan que en Galiza, no ano 2022 as mulleres percibían salarios máis baixos en sectores feminizados e cun 42% das traballadoras con ingresos inferiores ao SMI. Sobre a temporalidade e parcialidade, asegurou que o 77% son contratos a tempo parcial e sobre as taxas de parcialidade feminina alcanzan “cinco veces máis que as dos homes”.
O parlamentario reprochou ao goberno o PP da Xunta a súa “pasividade” nun ámbito no que conta con competencias e permanecer como “mero espectador”. A este respecto anunciou que a deputada, Olalla Rodil defenderá unha proposición non de lei para que se cumpra o Plan de Igualdade dez anos despois da tramitación da lei de Igualdade.
Finalmente o deputado amosou o apoio do BNG á folga convocada para o vindeiro luns polos traballadores e traballadoras da CRTVG.