BNG leva ao próximo pleno do Parlamento unha alternativa ao modelo eólico do PP que beneficia a Galiza e non “a 4 empresas”
Noa Presas avanza unha proposta baseada nun novo Plan Sectorial que ordene e protexa o territorio e medidas que faciliten retorno económico
A portavoz de Enerxía pide respostas á “revolución” social rexistrada por todo o país pola “barra libre” de destrución medioambiental que ampara o PP
BNG levará ao próximo pleno do Parlamento galego unha alternativa sustentable, xusta e galega ao modelo eólico do PP baseada nun novo marco regulatorio que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais da explotación enerxética para que os seus beneficios revertan no país e non en “catro empresas amigas”.
Así o avanza a portavoz parlamentaria de Enerxía, Noa Presas, quen advirte da “auténtica revolución galega” á que estamos asistindo por todo o territorio, en referencia ás numerosas mobilizacións sociais que se están producindo contra o modelo do Goberno de Feixóo -“do Courel a Trevinca, da Serra da Groba á Costa da Morte e do Suído a Lalín”, subliña- porque, ao seu xuízo, a sociedade é cada vez máis consciente de que necesitamos enerxías renovables, pero tamén de que “o prezo a pagar non pode ser a barra libre de destrución do territorio como a que está permitindo o PP para que catro empresas amigas se fagan multimillonarias”.
Neste contexto, o BNG defenderá no pleno parlamentario que comeza o próximo martes a necesidade de desenvolver un novo Plan Sectorial Eólico que ordene o territorio fronte a esta política de barra libre, un plan que sexa froito do “consenso”, coa participación de todos os axentes sociais e económicos implicados e que permita dotar de garantías tanto medioambientais como sociais e económicas a explotación do vento.
De igual xeito, proporá dar rango de lei ao impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións, de xeito que se establezan medidas para que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen con proxectos industriais que xeren riqueza e emprego no país e favorezan que unha parte das compoñentes sexan desenvolvidos en Galiza.
Así mesmo, aposta por garantir a socialización dos beneficios obtidos facilitando a participación pública e impulsando fórmulas de democratización da enerxía como as comunidades enerxéticas, os parques enerxéticos comunitarios e o autoconsumo enerxético.
“Garantías ambientais, incrementando as esixencias e tamén aumentando a protección do territorio que debe estar libre de eólicos, e tamén un cambio de modelo para que a produción enerxética teña un retorno económico, tanto a través da participación pública da Xunta como a dos concellos”, resume Presas, para a continuación incidir en que “o que non pode ser é que a riqueza do noso vento vaia para catro empresas mentres nós temos necesidades de emprego e de industria sen cubrir”. “Temos unha alternativa, seguiremos defendéndoa e cada día que pasa o PP ten máis difícil non ceder a esta auténtica revolución que estamos vivindo ao longo do noso territorio”, conclúe a portavoz nacionalista de Enerxía.